Miña nai” é o novo tema da Mekánika Rolling Band, unha banda cunha ampla traxectoria de máis de quince anos. Con esta canción queren renderlle homenaxe ás súas nais e a todas as mulleres que loitan para sacar os fillos adiante.  

A peza que serve como soporte audiovisual está dirixida por Carlos Roma. Trátase dunha curiosa  proposta a medio camiño entre o videoclip e o documental. En pouco máis de seis minutos, as propias nais do grupo revisan fotos, lembranzas, e contan anécdotas sobre aqueles nenos que hoxe son roqueiros. Tamén hai tempo para reflexionar sobre o medo, as interminables noites de verán nas que agardan o regreso ou sobre o futuro. Canto da de si a vida dun músico?

“Quérolle ben. Que lle vou facer?”, di no retrouso esta nova canción e por iso mesmo, o importante é a voz destas mulleres. Escoitar o que teñen que dicir as que nunca reciben aplausos.

A Mekánika Rolling Band lidera a listaxe da plataforma Orquestas de Galicia, facendo unha media de noventa concertos por tempada. Ademais, teñen actuado en lugares tan diversos como Alemaña, Austria, Francia e Italia. O seu novo traballo, “Miña nai”, pode atoparse, en formato audiovisual, na canle do grupo en YouTube e, na versión orixinal, no perfil de Spotify.

Deja un comentario

Más noticias….