Con motivo do Día das Letras Galegas, o Concello de Santiago tamén lanzou esta semana a campaña «Andei por Santiago/pisando estrelas» coa que convida a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos da cidade ao mesmo tempo que se pon en valor a figura da poeta Luísa Villalta.
As persoas interesadas en participar deben publicar nas redes sociais unha imaxe dun lugar de Compostela que sexa significativo utilizando os cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas, acompañados dunha explicación do lugar escollido. Entre todas as persoas que participen sortearanse 10 lotes de material cultural.
O Concello tamén ofrecerá ao longo do deste mes de maio varios paseos guiados sobre Compostela e as orixes da lingua con 12 paradas «que permitirán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social e a diversidade do desenvolvemento do idioma». As persoas interesadas poderán anotarse está na web do Departamento de Lingua: delingua.santiagodecompostela.gal.
O Teatro Principal tamén acollerá o 16 e 17 de maio ás 20.30 horas, o espectáculo «Made in Galiza«, a cargo de Sarabela Teatro sobre o texto de Séchu Sende. A obra está dirixida por Fina Calleja e o elenco está conformado por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto.
O Teatro Principal tamén acolle o evento «Ritos de resistencia», un recital multidisciplinar con poesía, música e imaxe que ten como eixo central os poemas de Luísa Villalta, no que Participarán a poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares (frauta e saxo soprano) interactúan de forma instantánea coa palabra a través dos instrumentos se proxectan imaxes realizadas do artista Alfonso Costa. Esta función será o sábado 18 de maio ás 20:30 horas e pódense retirar os convites na Zona C, en compostelacultura.gal e na billeteira do Teatro Principal.
Os Centros Socioculturais de Santiago tamén se suman á celebración do Día das Letras Galegas co obradoiro de creación literaria «Escribirmos na compaña de Luísa Villalta«, que será impartido por Marga do Val e con sesións a cargo de Cristal Méndez Queizán e de Miro Villar. Trátase dunha iniciativa da Escola de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Santiago. Estes obradoiros impartiranse os sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024, de 10:30 a 13:00 h.





Deja un comentario