O xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Detective Ferruchi. Tras abrir a plica, a autora resultou ser a xornalista e escritora Marta Villar e o título da novela será o mesmo que o lema. A decisión foi tomada por unanimidade.
Tras moitos anos fóra, Sol Cortés regresa a Umeiro, a súa vila natal, e monta unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais.
A investigación deste asasinato conforma o núcleo dunha trama rica e heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade. Os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual.

Nesta edición presentáronse 35 obras ao premio. Ademais, o xurado recomenda a publicación da novela finalista que se presentou baixo o lema Nena de auga. Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista e integrante de consello de redacción da Revista Cultural Mallas da Area, de Bergantiños.

Marta Villar

I ́m Obélix, de Raquel Fernández Fernández, Premio Jules Verne
2024

Pola súa banda, o xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora por unanimidade a obra titulada I’m Obélix, que resultou ser da autora Raquel Fernández Fernández.
Ao premio presentáronse 34 orixinais.
I’m Obélix conta como Isma, un rapaz de 13 anos, afronta o seu primeiro ano de instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que, en principio, semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas e mesmo de certo alivio, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade do alumnado e de certo sector do profesorado.

O xurado do XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil recomenda tamén a publicación das obras finalistas, presentadas baixo os lemas Emily e A irmá pequena.
Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972). Exerce no sector da restauración como propietaria dun restaurante no Val Miñor. Escribe dende nena e é lectora voraz dende que acorda. Acadou máis dunha quincena de premios literarios.

Raquel Fernández

Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé, Premio
Merlín 2024


Por último, a obra gañadora do XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil é Milú e o edificio das persoas extraordinarias, escrita por Abel Tomé. Así mesmo, o xurado recomendou a publicación da obra finalista presentada baixo o lema Lenda e Noite. Ao premio presentáronse 34 obras.
Milú vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios.

Na mesma cidade hai tamén un grupo de persoas que cre que o país onde viven só lles pertence a elas e que os veciños de Les Marginaux non forman parte del polo simple feito de naceren noutros lugares do mundo.
Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares.
A través da ollada inxenua e desbordante de fantasía do neno narrador, cun estilo cargado de lirismo e humor, unha narración rica en detalles, combinada co ritmo dunha acción ben tramada e cun mosaico de personaxes tan extravagantes coma tenros, a obra gañadora do Premio Merlín 2024 configúrase coma unha luminosa fábula social, con reminiscencias rodarianas, sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo mellor.

Una respuesta a «Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé Premios Xerais 2024»

  1. […] de que o xurado escollera os títulos gañadores dos Premios Xerais 2024 o pasado mes de xuño, as obras de Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé xa están […]

    Me gusta

Deja un comentario

Más noticias….