Clanes, rodada en Cambados, acadou o primeiro posto das series de fala non inglesa dentro de Netflix. Hai uns días, a actriz Eva Longoria paseaba por Compostela durante a rodaxe de Searching for Spain, o documental culinario que grava para a CNN. Pero o romance de Galicia co audiovisual ven de lonxe, máis aló do Oscar de Amenábar por Mar Adentro. Repasamos algúns exemplos, tan curiosos coma esquecidos.

CARY GRANT QUE ESTÁS NO OBRADOIRO.
En 1956 Stanley Kramer comezaba a rodaxe de Orgullo y Pasión, a súa segunda película. Nela, Cary Grant interpreta a un capitán que ten que reunirse co líder da resistencia española na guerra da independencia contra as tropas napoleónicas. O cuartel xeral do guerrilleiro está no Hostal dos Reis Católicos e polo tanto, Grant debe percorrer a Alameda e o Obradoiro para acadar o seu destino.

VALDOVIÑO, PROVINCIA DE CHILE.
La muerte y la docella, a obra de teatro de Ariel Dofman, é un dos textos teatrais contemporáneos máis relevantes. Sen nomear directamente a dictadura de Pinochet, fala da vinganza dunha víctima dun réxime opresivo cando se atopa co seu torturador. A peza foi adaptada ao cine en 1994 por Roman Polanski con Sigourney Weaver e Ben Kingsley como protagonistas. Ainda que os interiores están claramente construídos nun plató, os exteriores correspóndense aos acantilados de Valdoviño. É máis, se agardas ata o final dos créditos podes ler: Thanks to bombeiros of Valdovino.

LOS JAVIS (SI, OS DE PAQUITA SALAS).
Recoñezo que este subtitulo é só para manter a atención, pero nunca mentira. O próximo proxecto de Calvo e Ambrossi será unha versión actualizada de Mi querida señorita, a película coa que Jaime de Armiñan estivo nomeado aos Oscar en 1973. Esa cinta, a orixinal, conta a historia dunha señora, interpretada por José Luis López Vázquez que descubre que é unha persoa intersexual. Isto fai que mude toda a súa vida e teña que fuxir de Tui, Baiona e Vigo, os lugares onde sempre viviu.

CARMEN SEVILLA E NADIUSKA, AMIGAS E RESIDENTES EN LUGO.
Gonzalo Suárez decide adaptar en 1976 un par de textos de Valle-Inclán e por iso viaxa con Carmen Sevilla, Nadiuska e José Sacristán ata o pazo de Tor, en Lugo. Alí desenvólvese a historia de Beatriz: un conto de terror, nas portas do destape, con aspiracións góticas.
O pazo de Tor é todo un experto nisto das ficcións. Polas súas estancias tamén pasaron os equipos de El rey del río, A Esmorga ou O labirinto ario.

MÓNICA BELLUCCI PASEA POR SARRIA.
Antes de Elisa y Marcela, Isabel Coixet xa estivera en Galicia rodando A los que aman en 1998. Esta historia de amor complicado, desenvólvese nos escenarios naturais de Nogueira de Ramuín, Sarria ou O Corgo. Unha das escenas máis representativas da película, o combate de esgrima entre Monica Bellucci e Christopher Thompson tivo lugar no interior do antigo balneario do Incio.





Deja un comentario