Non lembro cando coñecín a Xosé Carlos Carracedo. Adóitame pasar. Esquezo os inicios da xente que me resulta agradable ter na vida. Sei que lle presentei o seu Somos de Arxerís (2017) na Libraría Pedreira e que estivemos a piques de desvelar o misterio dos Reis Magos a uns nenos que acompañaban aos pais no acto. Oxalá a cultura non lles rebentase a ilusión! Fixémolo coa confianza da conversa. Falar con Xosé Carlos é a sobremesa dun domingo. É doado.
O último ano está a sentarlle moi ben: acadou o XXXVI Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Paralle e fíxose coa terceira edición do Premio Exeria de creación literaria.
Chameino a Montegiovi, na Toscana, onde grazas ao galardón promovido polo Concello de Santiago está a escribir a súa primeira novela.

Como estás?
Feliz. Cheguei sen saber o que me agardaba, pero a experiencia está a superar con creces as expectativas. Para escribir esta novela precisaba tempo, pensar só nela e aquí é o único que fago. Escribir e escribir. Escribir e corrixir. Levántome moi cedo, vou correr todos os días, unha hora ou así. Ao volver xa me poño a escribir ata a hora de comer. Despois do xantar, retomo ata a tardiña.
Crear na Toscana.
Montegiovi é unha aldea de douscentos habitantes, nunha colina. A tres quilómetros hai unha gasolineira onde se poden mercar cousas. Algún día teño ido andando ata alí para comprar pasta ou xamón. Unha vez á semana lévannos ao pobo para encher a despensa. E teño xardín onde poño a secar a roupa. Sabes?, onte vin un corzo. Hai moita fauna. É un sitio moi rural, fermosísimo. Lémbrame á Galicia dos anos 70, pero sen feísmo.
E comes pizza.
Basicamente. E, no único bar do pobo que só abre polas tardes, alucinei. Póñenlle patacas fritidas enriba da pizza! Iso si, todas as masas son deliciosas e bótanlle moito parmesano.

Por que escribir unha novela agora?
Hai cousas que tiña que curar. Esta novela trata sobre a identidade e sobre a saúde mental. Sobre cando somos invisibles e tratamos de construír o noso oco na vida. Ten moito da miña historia familiar. Xúroche que é o mellor que teño escrito ata o de agora. Estou contentísimo. Sinto que botei fóra todo o que sei. Todo o que sei está nesta novela.
O colofón a unha época estupenda como escritor.
A escritura sempre é a máxima prioridade. Non fun un estudante sobresaínte e, a pesares dun mestre que me dixo que tiña talento, para min a literatura sempre supuxo un terreo vedado. Coñeces o medo a que alguén afirme que ti non vales?
Por suposto.
Pois a partires de desbotar o temor e repetirme que hai que tirar para diante, comezaron a saír cousas. Agora quero ver ata onde podo chegar. Teño un soño e quero ver se podo cumprilo.
Que soño?
Vivir disto. O outro día Yolanda Castaño dixo algo así como que o desenvolvemento dos países mídese pola cantidade de escritores que son quen de vivir da escrita. Abriume a cabeza!





Deja un comentario