A Fundación Artesanía de Galicia colabora un ano máis co Festiletras que celebrará a súa edición número 42 no concello coruñés de Ponteceso entre o venres 30 de agosto e o domingo 1 de setembro. Este 2024, baixo o lema «Unha lingua para poder amar a mares», o programa está dedicado á protección, coñecemento, tradición e inspiración do mar a través de diversas actividades e encontros.
Así, a Fundación Artesanía de Galicia colabora a través do patrocinio de tres obradoiros abertos ao público infantil, que se desenvolverán de 11,00 a 13,00 horas. Por unha banda, a artesá zoqueira Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces) fará unha demostración relacionada coa unidade didáctica Eu son zoqueira do programa Artesanía na Escola.

Os zocos de Elena Ferro

Mentres, a artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua (Vigo), realizará un obradoiro de pintura sobre madeira no que se pintarán con acrílicos marcapáxinas con temática mariña.


Finalmente, a artesá redeira Rosa Rodríguez desenvolverá un obradoiro no que se poden aprender as técnicas do seu traballo.


Festiletras 2024 reunirá na Aldea do Couso artistas de diversas vertentes (música, literatura, artesanía, cine, televisión…) que se reunirán para promover, poñer en valor e potenciar a cultura galega. O programa incluirá recitais poéticos e literarios, así como actividades vinculadas co mundo do mar e obradoiros culinarios e de reciclaxe, entre outras actividades.

Deja un comentario

Más noticias….