Tras do Ceo é o novo libro do escritor galego Manuel Rivas.Trátase dunha novela negra radical que inicia un novo proxecto narrativo arredor
da caza do home polo home e a depredación social e natural. A obra está xa nas librarías e nas próximas semanas o autor percorrerá varias cidades e vilas galegas para presentala ante o lectorado.

A trama transcorre nun entorno rural, coa aldea de Tras do Ceo como epicentro da historia. Unha cuadrilla de cazadores, urbanos e con relacións de amizade e negocios, participa nunha batida na que o obxectivo é O Solitario, un lendario porco bravo, considerado moi perigoso, a quen se lle atribúe unha morte e ataques a participantes noutras cazarías. No escenario agreste da batida, dúas mulleres sendeiristas afrontan unha situación de risco e os cazadores acoden na súa axuda. Despois, o que comeza sendo unha conversa informativa e amábel irá derivando nunha tensa discusión, sobre a caza e outros asuntos da vida, até chegar a un punto de violencia verbal. As mulleres, nai e filla, abraiadas pola situación, deciden fuxir. Dombodán, o máis novo da cuadrilla e o único que é natural de Tras do Ceo, vai narrando os feitos que se suceden nunha xornada trepidante. E faino cunha ollada propia, que perturba e engaiola a un tempo, levándonos da comedia ao inferno.
Sobre esa convivencia entre a comedia e a atrocidade pon o foco o autor, que trata nesta obra cuestións como o ecoloxismo, o abandono do rural, a violencia ou o machismo e o abuso de poder. Trátase dunha novela chea de humor e á vez salvaxe, sen edulcorantes. É ademais unha historia sobre a extinción das especies, pero tamén do humor, que Rivas presenta por momentos coma un mecanismo de contención da violencia e sempre como expresión de liberdade.





Deja un comentario