A Coruña acollerá este Nadal a primeira edición da Feira Artesá do Nadal, do 20 de decembro ao 5 de xaneiro nos Xardíns de Méndez Núñez. O evento, organizado pola Asociación Galega de Artesáns en colaboración do Concello da Coruña, busca levar o comercio local e a artesanía galega á cidade.

A inauguración oficial está prevista para o venres 20 de decembro ás 12.30 horas. Estará aberta en horario de 12.00 a 21.00 horas ininterrompidamente, dando a coñecer o traballo e obra dos catorce expositores que estarán na feira.

A feira permitirá, ademais, que as familias poidan descubrir un amplo abano de oficios tradicionais de acordo co patrimonio cultural de Galicia, como a cerámica, a xoiaría ou a fabricación de instrumentos musicais.

Entre os catorce expositores, dispoñibles xa na web da Asociación Galega de Artesáns, atópanse os coruñeses Chueco (coiro), Paz Nacas e Onda (xoiaría), Artesanos del Altillo (madeira) xunto con outros de diferentes localidades galegas.

Volve a Casa dos Xoguetes
A Casa dos Xoguetes, unha das localizacións habituais da programación de Nadal, estará aberta este ano dende o 2 de decembro ao 4 de xaneiro. En concreto, abrirá de luns a venres de 11.00 a 18.00 horas e os sábados e días especiais, 24 e 31 de decembro, de 11.00 a 14.00 horas, co obxectivo de dar servizo a toda a cidadanía coruñesa que queira facer achegas fomentando así a economía circular.
Recolleranse xoguetes de diferentes tamaños así como xogos de mesa, disfraces e contos a cambio de cupóns que posteriormente poderán ser utilizados para recoller o que máis lle guste dos expostos na tenda.
Cada obxecto entregado suporá a entrega, por parte do persoal a cargo do espazo, dunha cantidade diferente de cupóns.
Posteriormente a persoa usuaria poderá intercambiar estes cupóns polos xoguetes que máis lle gusten dos expostos na tenda que se correspondan co valor dos seus cupóns. Ademais, poderá limitarse o número máximo de xoguetes e/ou de cupóns a 10 por persoa, en función da demanda.
Cómpre destacar que non se aceptarán xoguetes que non se atopen en perfectas condicións para poder gozar dunha segunda vida e deben ser entregados limpos e en bo estado e incluir a marca CE, símbolo que certifica o cumprimento da normativa europea de seguridade, para seren aceptados na tenda.
Medio cento de actividades lúdicas e obradoiros creativos
De xeito paralelo, a Casa dos Xoguetes ofrecerá medio cento de actividades lúdicas, talleres e obradoiros creativos os venres e sábados, en horario de 15.00 ás 18.00 horas e de 11.00 a 14.00 horas respectivamente cunha sesión especial o xoves 5 de decembro, tamén de 15.00 a 18.00 horas.

Todas as actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, adaptando os grupos en función da demanda. Son de balde e a inscrición farase na propia casa 15 minutos antes de iniciar a actividade. Ademais, as persoas participantes nas actividades lúdicas, talleres e obradoiros creativos terán un cupón extra.





Deja un comentario