O tanque cilíndrico da Sala Maremagnum aloxa desde hai uns días unha vintena de luras, da variedade Loligo vulgaris, que foron capturadas polo equipo de bioloxía mariña do Aquarium Finisterrae na entrada da ría coruñesa, na zona entre a Guisanda e o porto de Oza. Esta captura foi posible grazas ás boas condicións do mar durante as saídas e á existencia de cardumes de sardiñas, unha das especies das que se alimentan as luras, o que incrementou a súa presenza nestas zonas.


Unha vez capturadas e trasladadas ao Aquarium, mantivéronse nun tanque na área de corentena, onde se adaptaron con rapidez, para despois levalas ao tanque cilíndrico onde o público pode observalas.
A lura, Loligo vulgaris, é un molusco cefalópodo que se distribúe no Atlántico oriental, desde o Mar do Norte e as Illas Británicas ata o suroeste de África e o Mediterráneo, a unha profundidade de ata 500 metros. Aliméntanse de peixes e crustáceos, os exemplares adultos teñen un talle entre 12 e 48 centímetros no caso dos machos e de 16 a 40 centímetros as femias, e viven unha media de un ano.
Unha das súas características máis salientables é a súa capacidade de cambiar de cor, que realizan grazas á existencia duns órganos especializados no seu manto, os cromatóforos.
Estes cambios de cor permítenlles camuflarse diante das súas presas e os seus depredadores, e sérvenlles tamén como medio de comunicación entre elas. Outra das súas curiosidades é que posúen tres corazóns, un para bombear sangue a todo o corpo e dous cara ás branquias.

Deja un comentario

Más noticias….