O Programa galego de detección precoz de cancro de cérvix, posto en marcha no ano 2021, diagnosticou, ata decembro de 2024, un total de 41 cancros, dos que o 76 % estaban en fase inicial. Desta forma, o cribado mellora as posibilidades de tratamento e supervivencia das pacientes.
A Consellería de Sanidade, coincidindo coa semana europea de prevención do cancro de colo de útero, fixo balance do programa que a Xunta iniciou na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos no ano 2021 e que, na actualidade, está implantado en toda Galicia.
Desde o comezo do programa, a Dirección Xeral de Saúde Pública invitou a participar 260.347 mulleres, o que representa máis do 41 % das mulleres de 35 a 65 anos.
Neste tempo lévanse analizadas preto de 150.000 mostras, alcanzando unha participación do 56,72 %. A positividade global ao virus do papiloma humano (VPH) sitúase no 6,70 %, cumprindo cos datos observados na bibliografía desta enfermidade.
No período que vai desde o inicio do programa ata decembro de 2024 realizáronselles colposcopias a máis de 4.400 mulleres, detectándose preto de 850 mulleres con lesións premalignas CIN 1 -neoplasia cervical intraepitelial- (taxa de detección de lesións do 6,66 por cada mil mulleres), 300 mulleres con lesión CIN 2 (2,37 por cada 1.000 mulleres), 170 mulleres con lesión CIN 3 (1,34 por cada 1.000 mulleres) e 41 cancros de cérvix (0,32 por cada 1.000 mulleres).
Incidencia
O cancro de cérvix sitúase como o cuarto en frecuencia no mundo entre as mulleres, ademais supón o segundo cancro máis frecuente entre mulleres de 11 a 44 anos no ámbito europeo, tras o cancro de mama.
No ámbito mundial, esta enfermidade supón un 3,3 % da mortalidade global por cancro con máis de 300.000 mortes por este cancro e no ámbito europeo a taxa foi de 3,8 mortes por 100.000 mulleres.
En Galicia, os datos dispoñibles amosan que entre 1996 e 2013 se rexistrou unha media de 49 mortes por ano. Isto supuxo unha taxa de mortalidade aproximada de 4 mortes por 100.000 mulleres, cunha idade media próxima aos 60 anos.
Como participar
A poboación diana deste cribado son as mulleres de 35 a 65 anos residentes en Galicia e con cobertura sanitaria polo sistema público. A invitación realízase mediante carta ou SMS (no caso de ter teléfono de subscrición Servizo Galego de Saúde). As mulleres que aceptan participar poden escoller entre recoller a mostra cun dispositivo de autotoma (que reciben no seu domicilio) ou cita coa matrona para realizar a proba.
A proba primaria de cribado é a detección de infección polo virus de papiloma humano de alto risco (VPH-AR). Se esta proba é negativa, repetirase aos 5 anos.
Se a proba é positiva, non implica ter cancro necesariamente. É preciso verificar que non existen anomalías nas células, polo que se realizará unha citoloxía. Segundo o xenotipo do virus así como o resultado da citoloxía, estableceranse diferentes actuacións clínicas: seguimento nun período de tempo variable mediante repetición de probas ou derivación a colposcopia para descartar presenza dunha lesión premaligna ou maligna do colo do útero.
Toda muller derivada a colposcopia recibirá, xunto coa cita xestionada polo programa de cribado, unha folla informativa sobre a realización da proba e os posibles resultados.
Unha vez realizada a colposcopia e biopsiadas, se é o caso, as lesións suxestivas de malignidade, faise unha avaliación individual do risco en función do resultado da anatomía patolóxica e establecerase o seguimento adecuado. Este resultado da avaliación comunícaselle por carta á persoa interesada.
No caso de que se detecte algunha lesión premaligna ou cancro, o programa xestiona directamente unha cita no Servizo de Xinecoloxía correspondente.





Deja un comentario