Xantar na Casa” é o programa que aprobou o Concello de Santiago para garantir unha alimentación equilibrada, de calidade, e adaptada ás necesidades das persoas maiores, en situación de dependencia, ou en risco de exclusión social. Ao tempo, facilítase a súa permanencia nos seus fogares, evítanse situacións de risco asociadas ao proceso de elaboración dos alimentos, e dáselle un respiro ás súas persoas coidadoras. O “Xantar na Casa” é un complemento para o Servizo de Axuda no Fogar. 

As persoas beneficiarias recibirán semanalmente no seu domicilio un máximo 7 e un mínimo de 5 bandexas diferentes co xantar para cada día da semana. Tamén se facilita frigorífico e microondas no caso de que os fogares das usuarias non dispoñan deses electrodomésticos. O prezo do xantar está fixado en 7,50 euros por persoa e día, dos que o 46,6% é achegado pola Xunta, mentres que a persoa beneficiaria e o Concello achegan o 26,6% cada parte. O Concello destinará a este programa 233.600 euros. 

Quen pode solicitar Xantar na Casa

Tal e como se recolle no programa aprobado hoxe, poderán ser beneficiarias de “Xantar na Casa” as persoas maiores de 60 anos con limitacións para o seu desenvolvemento persoal e sen rede de apoio; persoas en situación de dependencia ou con discapacidade recoñecida, ou persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, técnicamente avaliada polos Servizos Sociais. Á hora de baremar as solicitudes, teranse en conta criterios relativos á unidade de convivencia e a rede informal de apoio da persoa solicitante, as características da súa vivenda, a situación económica, a súa autonomía persoal, a idade, ou o seu grao de dependencia.

O programa “Xantar na Casa” contará inicialmente cun máximo de 60 prazas, e unha vez cubertas as persoas solicitantes quedarán en lista de agarda. A intención do Concello é que ese número de prazas poidan ser ampliadas nun futuro.

Deja un comentario

Más noticias….