Raxoi acolleu unha reunión de traballo co equipo da USC co que o Concello está a traballar na elaboración da ordenanza do imposto sobre estadías turísticas.

Na xuntanza analizouse un primeiro borrador elaborado polo catedrático en Dereito Financeiro e Tributario, César García Novoa, e sobre o que traballará conxuntamente co persoal municipal de Tesouraría. O obxectivo é presentarlle un texto o máis pechado posible ás asociacións do sector turístico nas vindeiras semanas.

Entre as cuestións que se están pechando poden mencionarse aspectos como a periodicidade das autoliquidacións ou a composición da comisión municipal de asesoramento e seguimento da implementación deste imposto.

foto web santiago turismo
Imaxe Web Santiago Turismo

Ademais de César García Novoa, por parte da USC tamén participaron no encontro María Xosé Piñeira, Miguel Pazos e Rubén Lois, este último por medios telemáticos. Por parte do Concello, participaron o responsable da área municipal de Tesouraría, Carlos Moure, persoal técnico da área de Turismo e a xerente de Turismo de Santiago.

Cabe lembrar que esta colaboración está incluída no convenio para a consecución dun Pacto Local por un Turismo Sustentable, que foi asinado entre o Concello de Santiago e a USC no marco do Plan de sustentabilidade turística se está a desenvolver en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria e Turismo.

Deja un comentario

Más noticias….