Galicia vén de rexistrar un novo fito para o sistema sanitario público galego tras acadar 10.000 transplantes de órganos realizados na comunidade desde que se iniciou o programa, en 1981.
No ano 1981, o Hospital Público da Coruña realizaba a primeira intervención do programa galego de transplante renal. Na actualidade, a comunidade galega xa contabiliza 5.168 transplantes deste órgano.
Do mesmo xeito, en 1991, Galicia iniciaba o seu programa de transplante de corazón, un ámbito no que xa se está a achegar ao milleiro de intervencións, cun total de 959 transplantes.
No ano 1994 asentábanse no sistema sanitario público galego os programas de transplante hepático nas áreas sanitarias de Santiago e Barbanza e na da Coruña e Cee.
Neste caso, os dous hospitais de referencia acumulan un total de 2.803 transplantes de fígado realizados ata o de agora.
No ano 1999 a comunidade galega rexistraba a incorporación de dous novos programas de transplantes de órganos. En concreto, o programa de transplante pulmonar, que conta con 942 intervencións realizadas desde a súa posta en marcha; e o programa de transplante de páncreas, que nos seus primeiros 25 anos de instauración acumula 128 operacións.
A Xunta lembra que acadar estas cifras non sería posible sen a xenerosidade das 3.487 persoas doantes falecidas e das súas familias, así como das 468 persoas que doaron o seu ril en vida.
Así, a solidariedade da poboación galega, engadida á colaboración establecida entre o Servizo Galego de Saúde e Oficina de Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), posibilita que a comunidade estea a conseguir cifras récord en transplantes e doazón de órganos.

Nesta liña, o ano 2024 rematou coa mellor cifra histórica neste ámbito ao rexistrar un total de 424 intervencións, un 28 % máis que no ano anterior. Galicia pechou o ano 2024 coa maior taxa de doantes de órganos por millón de habitantes cun 50,7, desde a creación da Organización Nacional de Transplantes no 1989.

O transplante de ril destaca con 5.168 intervencións realizadas, seguido do de fígado, con 2.803; corazón, con 959; pulmón, con 942; e páncreas, con 128Ademais, tamén finalizou o exercicio coa menor cifra de pacientes á espera de transplante da súa historia, cun total de 193 persoas.
Na actualidade, 8 de cada 10 familias din si á doazón en Galicia.

Deja un comentario

Más noticias….