A mostra Sonoras, de Pilar Cancio, está aberta para o público ata o 3 de maio no espazo de Arte que Roberto Verino ten na Rúa do Paseo, 21 en Ourense.

A artista plástica lucense di desta exposición:“Sonoras é unha selección de traballos en tinta sobre papel que xurde de intentar vincular imaxes e sons, atmosferas e ritmos derivados da pintura e da música, as dúas actividades que comparto.

sonoras pilar cancio en roberto verino ourense
O deseñador Roberto Verino coa artista


Son sonoridades, luces e silencios recollidos sobre un soporte. Sensacións que se van tecendo ata acadar nestas imaxes, finalmente distorsionadas, que non teñen máis de reais que os ventos e as néboas.
Así, o que se podería percibir en principio coma unha paisaxe, non é máis que un conxunto de resonancias detidas, xurdidas da miña relación emocional con determinados lugares aos que me sinto conectada, e aos que sempre volvo.

sonoras pilar cancio ourense


A tinta, desprovista de cor, resúltame un medio puro que me acompaña nesa procura en si tamén esencial. Só tinta e auga sobre un papel de algodón. Cun arranque que parte da memoria e o azar como elementos xeradores, vou provocando ou detendo o movemento da auga sobre o papel, ata dar sentido a uns fondos, que tras seguintes capas, van derivando nestas manchas fiadas polas luces e o nordés.

pilar cancio ourense verino
Unha das obras de Pilar Cancio expostas


Aínda sendo difícil de controlar, a tinta resúltame ao mesmo tempo moi xenerosa, devolvéndome marabillosas sorpresas, algunhas provocadas e outras ás veces imprevisibles, que sempre me gusta incorporar: manchas desprazadas, aperturas de auga, goteos ou salpicaduras casuais. Atenta ao seu cauce, se consigo fixalos no momento preciso, pasan a convivir co resto das manchas, dando esa frescura que só as técnicas das augadas poden conseguir, colaborando nunha insinuación, nunha evocación, nunha imaxe case sonora”.

Deja un comentario

Más noticias….