O oficio de lavar: unha cartografía sensible é o título do traballo de fin de grao (TFG) da egresada da Facultade de Belas Artes Xoana Abraira, recoñecido este mércores nos Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de fin de grao e mestrado en materia de igualdade e dereitos das mulleres. Promovidos por esta institución, coa colaboración das tres universidades públicas galegas, o TFG de Abraira de Bernardo foi un dos catro traballos premiados na quinta edición deste certame promovido pola Valedora coa colaboración das tres universidades públicas galegas.

Neste proxecto, Abraira fai uso das artes plásticas para configurar, explica, “un achegamento ao oficio de lavandeira e ao labor de lavar á roupa”, que ten como punto central a posta en valor do traballo feminino, “comunmente relegado ao espazo doméstico e dos coidados”. O traballo que esta titulada defendía o pasado curso na facultade pontevedresa xa fora previamente recoñecido nos Premios Egeria da Universidade de Vigo e, nas últimas semanas, a fotografía dunha das súas obras convertíase na imaxe gráfica da campaña institucional do 8M da institución académica. De aí que Abraira se amosase nesta xornada “moi satisfeita” por este novo recoñecemento ao seu TFG, así como polo feito de que, en ambos casos, o seu proxecto fose premiado en convocatorias “relacionadas con cuestións de xénero”, o que lévaa á súa vez a incidir no valioso deste tipo de iniciativas que poñen en valor a abordaxe “de cuestións relevantes, desde o mundo académico”.

Co profesor Andrés Pinal como titor, Abraira propuña no seu TFG un achegamento ao oficio de lavandeira “a través dunha relectura dos relatos sociais vixentes no noso territorio”, pondo o foco, a través das artes plásticas nas “necesidade de coñecer aquela parte da historia que debido ao xénero das súas protagonistas foi progresivamente quedando no esquecemento”. Nese senso, un traballo que parte dunha investigación “arredor da historia colectiva e individual” deu como resultado pezas artísticas como a empregada na campaña institucional da Universidade e na que esta artista e egresada emprega o enxoval da súa avoa para representar un atado de roupa, que lle permitise pór o foco «no esforzo e na dureza» que supuña deste labor, xa que as lavandeiras “cargaban ata 30 quilos de roupa nas súas cabezas”.

A UDC acolleu o acto de entrega
Esta graduada en Belas Artes recibía este mércores este premio no acto celebrado no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, no que participaron a valedora do Pobo, María Dolores Fernández; o reitor da UDC, Ricardo Cao; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García; a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez, e a coordinadora da Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Sonia Esperanza Rodríguez.
Nun acto que contou tamén coa intervención de Rahima Sabiri, maxistrada no Tribunal Supremo de Afganistán, refuxiada en Galicia, entregáronse un total de catro premios. Na categoría de TFG, os galardóns foron concedidos ex aequo á Abraira e á egresada da USC Rosalía Sánchez, polo seu traballo Os delitos contra a liberdade sexual: prevención, regulación e o piar fundamental do consentimento. No caso dos TFM, os galardóns foron para os traballos Referentes femeninos en la Historia de la Música: propuesta didáctica para visualizar las principales mujeres compositoras de la Historia de la Música en las aulas de 3º de la ESO e A la caza de las tránsfugas: violencia contra las mujeres lesbianas y bisexuales en el espacio público, realizados, respectivamente, polas tituladas da UDC Iria María Fernández e Sarah Lamas.
Fuente: Universidad de Vigo





Deja un comentario