A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa fixo entrega, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña (UDC), os premios aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) de Temática Galega do curso 2023/2024 nas carreiras de Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos.
“Arraigo” foi o proxecto gañador do Grao en Comunicación Audiovisual. O premio, valorado en 250 euros, foi recollido polos seus autores, Joel Esteves, Elisa Piñón e Jorge Alabau: “Para nós Arraigo representa a conexión entre Galicia e a súa xente. Queremos destacar a importancia de manter viva a nosa cultura e resaltar as diferentes facetas que nos fan sentir galegas e galegos, máis aló de simplemente nacer aquí. Por iso explorar temáticas como o mar, o clima, a gastronomía ou as lendas, cremos que pode axudar a comprender un pouco máis por que podemos dicir que somos galegos”.

Respecto ao Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, o TFG galardoado con 250 euros foi “Larapetas”, de Lucía Seoane, Uxía Campos e María Zapata. Larapetas é un proxecto que consiste na elaboración dunha canle divulgativa sobre o uso do galego mediante a creación dun perfil en Instagram coa identidade de Larapetas, un simpático sapoconcho. “O obxectivo é contribuír ao fomento e difusión da cultura galega: a lingua, os costumes, a contorna e a súa variedade”, explican as autoras no TFG.
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC dálle prioridade a súa vinculación con Galicia, a súa realidade e a súa cultura, aspecto que estes premios poñen de relevancia.

Xurado
O xurado do I Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor TFG de Temática Galega do curso 2023/2024 nas carreiras de Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos estivo composto polos docentes da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, Sandra Martínez e Manuel García, e pola coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos.
Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.
A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible. Para logralo daránselle prioridade as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.





Deja un comentario