As alumnas do segundo curso do grao en Relacións Internacionais, Sofía Castrillón e Teresa Hermida, están a organizar, por segundo ano consecutivo, unha simulación sobre o funcionamento da Organización das Nacións Unidas (ONU). O Modelo de Nacións Unidas (MUN), que é como se denomina esta experiencia de aprendizaxe, terá lugar, este xoves 27 e o venres 28 de marzo, na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación e no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.
A segunda edición do CouMUN, nome co que estas dúas estudantes da Facultade de Humanidades e Documentación bautizaron esta simulación, reunirá a preto de 100 estudantes dos graos en Relacións Internacionais, en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos da Universidade da Coruña (UDC); do grao en Relacións Internacionais da Universidade de Vigo (UVigo); do grao en Relacións Internacionais, do dobre grao en Socioloxía – Relacións Internacionais e Experto en Desenvolvemento, e do dobre grao en Socioloxía – Relacións Internacionais da Universidad Complutense de Madrid (UCM) e máis do grao en Farmacia da Universidad Francisco de Vitoria (UFV).
No Modelo de Nacións Unidas (MUN), o alumnado participante pasa a ocupar o lugar dos embaixadores e embaixadoras dos países membros das Nacións Unidas para debater sobre algúns dos temas de actualidade recollidos na axenda da ONU. Deste xeito, o estudantado, baixo a figura dun delegado ou delegada, prepara borradores de resolucións estratéxicas argumentativas e realiza negociacións con países aliados e adversarios, ademais de resolver conflitos botando man das regras do Procedemento das Nacións Unidas.
Ao longo dos dous días, o estudantado participante simulará un total de cinco Consellos da ONU e unha organización internacional. No primeiro deles, o Consello Económico e Social, debaterán sobre os aranceis e o futuro do comercio global. No segundo, o Consello de Seguridade, afondarán no uso de armas nucleares e no proceso de desmilitarización do Ártico. Na terceira simulación analizarán o papel da organización internacional Unión Africana e estudarán como prever e resolver golpes de estado e conflitos internos en África.
A Axencia da ONU para as Persoas Refuxiadas, ACNUR, será a protagonista do cuarto consello, no que o alumnado analizará a crise humanitaria en Yemen e buscará o consenso para acadar unha resposta internacional para a protección das persoas refuxiadas. No quinto consello, titulado ONU Mulleres, debaterán sobre o impacto da crise actual en Afganistán no que atinxe aos dereitos das mulleres e, nesta simulación, contarán coa participación da vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña (UDC), Cristina López. No sexto e último consello, recrearán a Asamblea Xeral da ONU.
O programa desta segunda edición do CouMUN inclúe unha conferencia inaugural, prevista para o xoves 27, ás 16:30 horas, da man da alta funcionaria internacional da Organización Mundial do Comercio (OMC), María J. Pereyra.
Uns minutos antes, terá lugar o acto de inauguración do Modelo de Nacións Unidas no que está previsto que participe o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey, e máis a decana da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Manuela del Pilar Santos.





Deja un comentario