A Real Academia Galega de Ciencias(RAGC) elixiu ao químico Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona,1903 – Barcelona, 1988) como “Científico Galego de 2025”. Para dar a coñecer a súafigura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade, vanse celebrar unha serie de
actividades ao longo deste ano. Esta tarde terá lugar unha conferencia no marco de “Os
Luns do Ateneo”, na sede de Afundación en Santiago, a partir das 19:30 horas; en
colaboración co Ateneo e o Concello de Santiago.
A conferencia vaina impartir o académico da RAGC Manuel Freire Rama, catedrático de
Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago. Na súa intervención,
titulada “Fernando Calvet, pioneiro da bioquímica e promotor da biotecnoloxía en Galicia”,
abordará a relevancia de Calvet como introdutor da bioquímica moderna en España,
modernizador da química orgánica en Galicia e iniciador da investigación química na
Universidade de Santiago nos anos 30 do pasado século.
O catedrático refírese a Calvet como “un científico trotamundos”. Da Universidad de
Barcelona foi a Oxford -onde se doutorou- e logo a Madrid, para recalar en 1929 na
cidade compostelá, onde con 26 anos gañou a cátedra de Química Orgánica da facultade
de Ciencias. Pouco despois marchou a Múnic para experimentar con alcaloides. De volta
en Santiago, en 1930, montou o primeiro laboratorio para prácticas de Química Orgánica
na USC e outro destinado a traballos de investigación, creando un importante grupo
investigador. Neste período puxo a punto técnicas novas de síntese e illamento de
compostos orgánicos, moitos a partir de produtos naturais.
Como director científico do Instituto Bioquímico Miguel Servet, situado en Vigo, dedicouse
principalmente á extracción do caruncho -un fungo parásito do centeo e doutros cereais-
co fin de obter alcaloides, que se empregarían para fabricar o preparado Pan Ergot, un
composto indicado para diferentes afeccións.
Freire lembra que Calvet participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia.
“Significouse como liberal e ao comezo da Guerra Civil apartárono da Cátedra” -indica-.
Esta situación levouno a marchar a Estocolmo e logo a Edimburgo. En 1939 regresou a
Galicia e colaborou na creación dos Laboratorios Zeltia do Porriño, onde se centrou na
extracción e purificación de compostos naturais de plantas e tecidos de animais para a
elaboración de produtos farmacolóxicos. Máis tarde traballou en importantes centros de
investigación nos Estados Unidos, ata que conseguiu a cátedra de Bioquímica na
Universidad de Barcelona, cidade na que faleceu en 1988.
A Real Academia Galega de Ciencias dá a coñecer a figurado químico Fernando Calvet, “Científico Galego de 2025”
Creou o primeiro laboratorio de Química da Universidade de Santiago e foi un dos impulsores dos Laboratorios Zeltia do Porriño





Deja un comentario