A compañía de teatro físico Elefante Elegante aborda o fenómeno da industria “fast fashion” coa súa última creación, Alta costura. Esta nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha obra de teatro visual irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo.

Alta costura, con dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa.
Con estas funcións escolares, Elefante Elegante remata a súa residencia artística no concello de
Culleredo, coprodutor de Alta costura, espectáculo que conta, tamén, coa colaboración do Concello das Pontes e cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Xa en maio, a partir do día 18, a compañía desenvolverá unha semana de residencia técnica no Auditorio Cine Alovi das Pontes.

A estrea absoluta de Alta costura, con público xeral, terá lugar, precisamente, neste espazo, o
sábado 24 de maio, ás 20.00 horas. As entradas poñeranse proximamente á venda.
Alta costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o
recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial
importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de
mercar e de tirar roupa.

Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes. Nesta nova creación Elefante Elegante convida a reflexionar sobre as consecuencias dos nosos hábitos de consumo de roupa desde unha óptica non exenta de humor, unha constante en todas as obras da compañía.





Deja un comentario