O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse xa este xoves, 10 de abril, ata o domingo 20 (incluído). Co fin de facilitar as visitas,
abrirase tamén os dous domingos, o de Ramos e o de Pascua, pechando unicamente
o luns 14 e o martes 15. O horario é o habitual, de 11 a 14 e de 16 a 20 horas.

O Museo abrirá novamente en maio para comezar a temporada de verán.
Benigno Amor é o director de la Casa de la Troya e presidente da Asociación de
Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo. Explica que “as
visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en
grupos de doce persoas como máximo”. Anima a todos os composteláns e aos
visitantes a que se acheguen nestas datas a coñecer e percorrer a vella pensión de
estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima.

As entradas ao Museo son de 3 € o prezo xeral e de 2 € o reducido para familias
numerosas, persoas xubiladas e desempregadas, estudantes e peregrinos. “Nesta
ocasión incorporamos tamén á veciñanza de Compostela á tarifa reducida, para
animala a redescubrir unha parte da súa cidade, que seguro vai sorprender a quen
non a coñeza. Ademais, a visita á Casa de la Troya é como unha viaxe no tempo, moi
axeitada para facela en familia ou cun grupo de amigos» -sinala Amor-. As visitas para
grupos poden reservarse a través do correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal
Tal como apunta Amor, “a nosa previsión é reiniciar despois a temporada de verán a
mediados de maio, para celebrar o Día Internacional dos Museos e o Día das Letras
Galegas. Abriremos as fins de semana, de xoves a sábado, ata mediados de xullo,
logo xa en horario continuado (de martes a sábado) ata mediados de setembro, e de
xoves a sábado ata mediados do mes de outubro”. Indica así mesmo que no mes de
maio está previsto que regresen os Roteiros Troyanos, percorridos teatralizados polo
casco histórico da cidade e o Museo Casa de la Troya, que se prolongarán durante
todo o verán.

En 2024 visitaron o Museo 1.871 persoas
O pasado ano o Museo recibiu a visita dun total de 1.871 persoas, sumando a
Semana Santa e os meses de verán, que son os períodos nos que abre ao público. O
perfil de visitante é unha persoa de entre 45 e 64 anos, procedente na súa maioría de
España (70%), sobre todo de Galicia (45%), Madrid (14%) e Andalucía (8%). De
Galicia chegan, principalmente, de Santiago e a súa comarca (45%) e da provincia da
Coruña (31%). Os estranxeiros representan o 30% e chegan fundamentalmente de
Europa, predominando os británicos e os portugueses. Do continente americano, os
mexicanos son os máis numerosos, seguidos dos arxentinos e dos estadounidenses.

Un edificio do século XVIII
O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida
universitaria de Santiago a finais do século XIX. O edificio, construído a mediados do
século XVIII, foi hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906 e nel aloxouse o
personaxe principal da novela de Lugín e os seus compañeiros de estudos. Abriu as
súas portas como museo en 1993, grazas ao mecenas compostelán Benigno Amor
Rodríguez, finado en 2009.






Deja un comentario