Mondra publicará este venres por te ver, o terceiro avance do seu novo álbum de estudio, DE RONDA, un traballo discográfico para seducir e que verá a luz o 6 de maio. O tema poderase escoitar a partir das 00.00 horas do día 11 de abril nas plataformas dixitais e contará cun videoclip dispoñible na súa canle de VEVO. por te ver encarna, segundo Mondra, “un estado de impulso e de desexo incontrolable do que un quere escapar; unha disputa entre a moral e a toxicidade nos amores”; unha idea que o creador fía a través dun acompañamento musical que transita desde o misterio ata a persecución grazas á instrumentación de Andrés Real ao contrabaixo, Lucas de Centi ao vibráfono e Julia Sánchez-Biezma á percusión.
O novo tema de Mondra fai parte das 11 cancións ou “estados do corpo” que conforman DE RONDA, un álbum que aborda “a sedución, seducir ou ser seducido”. Para o autor, este terceiro adianto “representa tanto a filosofía coma o espírito musical e conceptual do disco”, do que destaca o seu son orgánico, fresco e contemporáneo grazas ao traballo na produción da man do Hevi (Laboratorio Soyuz).
O lanzamento de por te ver complétase cunha proposta audiovisual codirixida por Zeltia
Iglesias -quen lidera a dirección creativa global de DE RONDA- e mais o propio artista,
quen tamén coproduce o video canda o estudio coruñés elmembrillo. A dirección de
movemento recae no coreógrafo Daniel Rodríguez. Ao igual que no caso de teño caldo
quente, esta peza visual é unha das once que conforman o relato musical conxunto do novo
álbum de Mondra. O videoclip poderase ver tamén este 11 de abril na súa canle de VEVO.
Mondra pendura o cartel de “entradas esgotadas” e anuncia nova data na Capitol
Tras esgotar todos os tiquets dispoñibles para a estrea ao vivo de DE RONDA na Sala
Capitol o sábado 10 de maio, o cantareiro anunciou nas redes sociais unha segunda data
no mesmo recinto: a noite anterior, a do venres 9. Sobre o escenario, Mondra estará
acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que
conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza.
Nas dúas sesións, ademais, haberá artistas convidadas. As entradas, desde 18 euros, xa
están dispoñibles na páxina web www.salacapitol.com





Deja un comentario