O sector pesqueiro enfronta o desafío de optimizar as súas prácticas para reducir o impacto ambiental e mellorar a eficiencia no uso de recursos. Neste contexto, o doutorando Francisco Bottero e o seu titor de tese, Manuel González, do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), que traballan no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), desenvolveron unha investigación coa que lograron un avance significativo que podería transformar o deseño das redes de arrastre.

Fran Bottero


O estudo, titulado “Hidrodinámica de paneis de rede de malla romboidal
anoada de polietileno
”, foi publicado na prestixiosa revista científica Ocean
Engineering
, que conta cun alto factor de impacto (Q1) no ámbito da enxeñaría
oceánica. O obxectivo da investigación é ofrecer ferramentas precisas para
predicir as forzas hidrodinámicas que experimentan as redes de pesca e evitar
a realización de ensaios complexos e custosos en canais de experiencias
hidrodinámicas, ou mesmo en alta mar.


Optimización e sustentabilidade Pesqueira
O proxecto centrouse en redes de malla romboidal anoada de polietileno,
amplamente utilizadas na pesca de arrastre. Unha das principais conclusións é
que as fórmulas tradicionais utilizadas para calcular as forzas de arrastre e
sustentación non son do todo precisas para este tipo de redes. Así, o estudo
propón unha fórmula empírica que permite calcular con gran precisión os
coeficientes de arrastre e sustentación. Este novo modelo matemático brinda
aos deseñadores de redes a posibilidade de crearen estruturas máis eficientes,
coas cales reducir a resistencia ao avance e optimizar o consumo de
combustible. Ademais, ao mellorar o comportamento hidrodinámico das redes,
favorécese unha maior selectividade nas capturas, o que contribúe á redución
de descartes pesqueiros -capturas non desexadas que, por non cumpriren cos
requisitos comerciais ou legais, son devoltas ao mar-. Deste xeito, o avance
non só promove unha pesca máis eficiente, senón que tamén apoia a
sustentabilidade, ao minimizar o impacto ambiental e favorecer a conservación
dos ecosistemas mariños.
Os resultados obtidos proporcionan novas ferramentas científicas que poden
axudar ao sector pesqueiro a mellorar as súas prácticas e avanzar cara a unha
xestión máis eficiente e sostible dos recursos mariños.


Sobre o LIM

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) da Universidade da Coruña
especialízase na simulación de sistemas mecánicos móbiles mediante a
dinámica de sistemas multicorpo, con aplicacións en automoción, biomecánica,
maquinaria e sector marítimo. A investigación abarca desde a modelización e
formulación de ecuacións do movemento ata a integración numérica e
programación, co obxectivo de resolver problemas específicos en cada área. O
LIM tamén combina simulación por computador con prototipos físicos e ensaios
experimentais, e no ámbito marítimo dedícase á simulación do comportamento
de redes de pesca, aparellos e manobras de buques, o cal contribúe a mellorar
a eficiencia e sustentabilidade nas prácticas pesqueiras.

Deja un comentario

Más noticias….