A Xunta de Galicia colaborará coa Fundación Manolo Paz para a celebración dunha grande exposición en Noya York en 2026, que se verá complementada cunha programación cultural paralela no Instituto Cervantes da cidade norteamericana. Así o anunciou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, tras visitar in situ co escultor de Cambados e a cónsul de España na cidade, Marta de Blas, a zona ao aire libre do emblemático Park Avenue onde, entre marzo e outubro do ano que vén, estarán expostas as súas obras.
“Manolo Paz é un dos nosos artistas contemporáneos máis relevantes e ten unha
abraiante e talentosa destreza para intervir en espazos singulares”, salientou o
representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, quen precisamente
abordou estes días co director do Instituto Cervantes en Nova York, Javier Valdivieso,
os preparativos das actividades culturais complementarias a esta mostra, “que será un
dos grandes acontecementos culturais de Galicia no exterior, como preámbulo do
Xacobeo 2027”, aseverou.
Neste senso, Valentín García erixiu esta exposición e a programación cultural que se
desenvolverá ao seu abeiro na sede Instituto Cervantes da cidade neoiorquina como
“unha enorme oportunidade de promoción da nosa cultura, da nosa arte e de Galicia en
xeral”. Ademais, fixo fincapé en que a súa celebración en véspera do Ano Santo suporá
un “importante reclamo de cara a atraer visitantes dos Estados Unidos á Comunidade
galega”.
Por estes motivos, considerou que estas accións de difusión cultural serven para
manter tanto a conexión estreita coas comunidades de galegos residentes no exterior
como para contar cun “anzol máis que interesante” que achegue os cidadáns
norteamericanos “ao potencial e ao talento artístico de Galicia, á vez que espertarlles o
interese polo resto de riqueza patrimonial e paisaxística que poden atopar na nosa
Comunidade, convidándoos a esta descuberta e tamén á celebración do Xacobeo”,
apuntou.





Deja un comentario