Alumnos dos conservatorios superiores de música da Xunta de Galicia en Vigo e A Coruña veñen de acadar os galardóns da XIX edición dos Premios á excelencia musical Mans Futuro. O certame, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a Fundación Paideia Galiza, ten como obxectivo recoñecer o talento do alumnado e impulsar a súa a súa traxectoria e
visibilidade no ámbito profesional.
O primeiro premio recae en Miguel Montes, da especialidade de Interpretación no
instrumento de piano do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Resultou elixido tras
superar un proceso selectivo en dúas fases: unha preselección e unha proba presencial
final, na que interpretou un programa de concerto de ata 25 minutos de duración, con
obras de diferentes estilos e niveis de dificultade. Como primeiro premio, accede á
gravación, mestura, edición e masterización dun repertorio de 45 minutos, así como á
gravación dun vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos.
Xunto a el, recibiron mencións de honra Raúl Martínez, tamén do Conservatorio Superior
de Música de Vigo, e Jorge Manuel Aldao, do Conservatorio Superior de Música da
Coruña, ambos da especialidade de Interpretación en clarinete Estes recoñecementos
inclúen a gravación dunha maqueta de 25 minutos e un vídeo promocional, coa
posibilidade de contar cun máximo de dous acompañantes.
A través dos Premios Mans Futuro, a Xunta e a Fundación Paideia Galiza apoian a
excelencia musical e o desenvolvemento profesional do alumnado máis destacado,
ofrecéndolle oportunidades de formación e proxección no sector artístico. Todos os
participantes neste concurso teñen unha cualificación de sobresaliente ou matrícula de
honra no traballo fin de estudos na especialidade de interpretación.





Deja un comentario