A feira científica Galiciencia conmemora este ano o seu 20 aniversario. Entre as
actividades que se están a programar para celebralo, o vindeiro 26 de abril terá lugar un
espectáculo de ciencia no Auditorio de Ourense, de 11:00 a 12:30 horas. Está dirixido ao
público en xeral, en particular a familias e rapazada a partir de 12 anos. É gratuíto ata
completar aforo pero cómpre facer unha reserva previa a través da páxina web
https://galiciencia.com/es/espectaculo-cerebrum/.

O espectáculo científico “Cerebrum” preséntase como un show que permitirá descubrir os
misterios do cerebro, unha experiencia fascinante onde a ciencia e o teatro se fusionarán
para explorar o órgano máis complexo do corpo humano, con experimentos en directo.
Para iso contarase coa colaboración do neurocientífico Casto Rivadulla e do actor
apaixonado pola ciencia Vicente Mohedano.

No transcurso desta experiencia amosarase ao público asistente como funciona o noso
cerebro, como construímos a realidade e mesmo como podemos adestrar o cerebro para
superar as súas limitacións. Trátase dun show no que predomina o humor e
dramatización, sen perder o rigor científico. Será unha viaxe apaixonante pola mente
humana, un espectáculo para aprender, sorprenderse e achegarse á neurociencia dun
xeito moi ameno e divertido.
Casto Rivadulla é catedrático de Fisioloxía na Universidade da Coruña, onde coordina o
grupo de Neurociencia e Control Motor (NEUROcom), ao tempo que destaca o seu labor
como divulgador científico. Colabora nesta edición de Galiciencia, dedicada a
“Neurociencia e saúde mental”, como asesor e tamén como coordinador do espectáculo
«Cerebrum». Estuda como funcionan as neuronas e ten traballado en proxectos para
avanzar no tratamento de doenzas como o párkinson ou a epilepsia. Foi investigador na
Universidade Rockefeller de Nova York e no Instituto Tecnolóxico de Massachusets (MIT).
Pola súa parte, Vicente Mohedano é actor con formación en Bioloxía, especializado en
divulgación científica a través do teatro, e colaborador habitual de Galiciencia, impartindo
talleres para a mocidade que participa na feira cada ano.





Deja un comentario