Pablo Pita, investigador Ramón y Cajal do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA); Nuria Fernández, directora do departamento de Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC); e Lucía Couceiro, investigadora e profesora do mesmo departamento da UDC; publican unha investigación na revista Fisheries Research, que representa a primeira contribución ao estudo da pesca de poliquetos en Galicia, tendo en conta o crecente impacto económico desta pescaría. Na publicación destacan a necesidade de aumentar o coñecemento sobre as especies capturadas e mellorar as prácticas de extracción que están afectando os sedimentos e ecosistemas nos que habitan estes vermes.
Galicia é unha das rexións de Europa con máis dependencia económica da pesca comercial, pero a pesca recreativa tamén ten impacto social, xa que un 2% dos galegos a practica. Máis de 60.000 persoas xeran en Galicia un impacto económico directo de máis de 100 millóns de euros ao ano e un terzo destes pescadores usan os poliquetos como cebo. Un 17% so pesca cos poliquetos que captura, pero outros usan os cebos comerciais, acotío importados.
A pesca de poliquetos é unha das excepcións á crise que experimentan os recursos marisqueiros tradicionais nas últimas décadas en Galicia. Nos últimos anos, a comunidade autónoma é un exemplo a nivel mundial da pesca comercial destas especies como inxección económica relevante no sector. O
aumento da demanda deste cebo, xunto coa sinxeleza dos seus protocolos de captura e comercialización en comparación coas actividades marisqueiras tradicionais, foi aliciente para contribuír significativamente ao sustento dun número crecente de familias nas costas de Galicia. Polo xeral, desenvólvese como práctica complementaria que xera ingresos extra, incluso cando as condicións climáticas ou o estado da marea impiden saír ao mar ou explotar outras pescarías. Ademais, estas capturas poden exportarse ao mercado europeo, onde existen importantes oportunidades comerciais con Francia e Italia.

A publicación de Pita, Fernández e Couceiro tamén destaca os beneficios sociais derivados de manter esta tradición. Das 68 tendas de pesca que venden poliquetos en Galicia, so un 7% venden cebos importados de Corea e América. Estes son máis doados de manter e por iso son os máis vendidos a nivel nacional e internacional, pero a súa introdución no medio pode supoñer distorsións para a fauna local. O resto deste cebo corresponde ás especies locais, como a miñoca, miñoca de area, miñoca de tubo e o gavilán.
Con todo, a extracción destas especies supón un impacto negativo para o medio afectando á fauna dos areais cando se remove o sustrato. Tampouco se coñece ben a relación entre tamaño e peso dos poliquetos, co que os impactos da súa recolección sobre as poboacións non están ben estudadas. Deste xeito, esta publicación conclúe que a maior ameaza para a sustentabilidade da súa
explotación está na falta de coñecemento científico sobre as especies capturadas e o seu hábitat. Subsanando estas deficiencias, melloraríase a conservación da especie e o incremento dos beneficios no sector.
Pablo Pita Orduna, investigador Ramón y Cajal
Pablo Pita, do grupo GIBE pertencente ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, é doutor en Economía Ecolóxica (UVigo) e tamén en Bioloxía Mariña e Acuicultura (UDC). Actualmente é investigador Ramón y Cajal no CICA e imparte docencia no Grao en Bioloxía da UDC e no Máster Interuniversitario en Bioloxía Mariña. O seu compromiso coa divulgación científica impúlsao a participar en actividades como a Ciencia na Rúa e a desenvolver proxectos como o seu blog Verde profundo.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como
un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200
investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas:
Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais
Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que
acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de
coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o
centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha
presenza feminina superior ao 50%.





Deja un comentario