En 1978, Carmen Martín Gaite facíase co Premio Nacional de Narrativa por El cuarto de atrás unha novela a cabalo entre as memorias e o ensaio que ademais a convertía na primeira muller en obter a citada distinción. No ano en que se celebra o centenario do nacemento da autora salmantina, chega aos escenarios a montaxe teatral deste texto, con produción de Lantia Escénica, adaptación e
dramaturxia de María Folguera e dirección de Rakel Camacho. Enmarcada no foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura, a obra presentarase o sábado, 26 de abril, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia.
A actriz Enma Suárez transmútase en Carmen Martín Gaite nunha peza que transita entre a realidade e o onirismo e que, a través dos diálogos entre a autora e un misterioso home de negro interpretado por Alberto Iglesias, e da aparición de distintas personaxes ás que pon corpo e voz Nora Hernández, retrata a España da posguerra, as mulleres e homes que a poboaron, e os tabús e os pantasmas aos que tiveron que facer fronte.
En palabras da dramaturga María Folguera, «ese cuarto de atrás escénico é unha pregunta que se lanza: como habitar as horas intermedias entre o medo e a coraxe, entre o desexo de protección e o anhelo de fuga?. Unha muller madura mira atrás e comprende a longa viaxe entre un xogo de infancia e un conto, ás veces terrorífico, de nunca acabar».
Para a directora Rakel Camacho, a novela «é unha obra mestra de Carmen Martín Gaite; un libro chave para comprender a memoria e esforzo de toda unha xeración de autoras e autores que tivo que desfacer os tabús da súa infancia e posguerra para atopar un camiño de seu». Julia Monje é a responsable do movemento escénico deste espectáculo que conta con escenografía de Jose Luis
Raymond, iluminación de Javier Ruiz de Alegría e música de Pablo Peña.





Deja un comentario