A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN), que aglutina ás principais plantas galegas, vén de celebrar a súa Asemblea anual. A xuntanza celebrouse no Campus Auga de Ourense, entidade de cuxo Comité Consultivo Socio-Empresarial forma parte AGAMIN a través do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia.


O  director do Campus Auga, Roberto Ignacio Fernández López, valorou moi positivamente a visita, considerando “moi importante a colaboración do Campus co sector privado como obxectivo estratéxico co fin de promover a transferencia de tecnoloxía e o coñecemento científico cara a aplicacións prácticas que sexan útiles para a industria”. Ademais, AGAMIN abrangue dous ámbitos de investigación do Campus: as augas minerais e a industria alimentaria. Pola súa parte, o presidente de
AGAMIN, Álvaro García de Quevedo, amosou “a predisposición do sector para buscar conxuntamente sinerxías que redunden en beneficio das dúas entidades”.


No transcurso da Asemblea, destacáronse as actuacións levadas a cabo pola Asociación “para a capacitación continua do persoal, a promoción do sector das augas minerais e termais de Galicia, xunto á sensibilización sobre os beneficios da auga mineral para a saúde”. Nesta liña, AGAMIN colabora coa Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), á que aportou un total de 75.000 botellas de auga de 500 mililitros, que se están a distribuír entre as persoas doantes de sangue; xunto a un folleto co lema “Auga Mineral Natural de Galicia, fonte de saúde e benestar”. Este folleto divulgativo contén información das augas minerais naturais galegas como recursos mineiros, as súas principais características e os seus beneficios para a saúde. No mesmo ponse de relevo que é recomendable inxerir auga antes e despois de realizar unha doazón de sangue, a pequenos sorbos e a unha temperatura de entre 10 e 15 ºC para favorecer a absorción e que o corpo a asimile máis facilmente.


O sector das augas mineirais naturais
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural creouse en 2011 para defender os intereses sectoriais, fomentar a mellora das empresas, a realización de accións formativas e de mellora ambiental e, en particular, para a promoción do sector das augas minerais naturais de Galicia. Está integrada por un total de sete empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadas Aguas de Cospeito, situada no concello de Cospeito; e Fontecelta, en
Sarria. Da provincia de Ourense están Aguas de Cabreiroá e Aguas de Sousas, ámbalas dúas en Verín; e Aguas do Paraño, en Boborás. E na provincia de Pontevedra atópanse Agua Sana en Baiona e Sanxinés en Vilagarcía de Arousa.

O conxunto destas empresas ofrece na actualidade uns 260 postos de traballo directos e uns 1.000 indirectos. “Trátase ademais de empresas cun forte arraigamento, moi vencelladas ás economías locais e comarcais, xa que as plantas de envasado localízanse na Galicia interior, en zonas rurais con tendencias similares relativas a despoboación, renda per cápita baixa e presenza dunha estrutura produtiva con predominio do sector primario; actuando pois como dinamizadores socioeconómicos das súas comarcas” -salientan desde AGAMIN-.

Deja un comentario

Más noticias….