Este xoves comezou a xornada inaugural do festival RESIS, referente nacional da música contemporánea, que ofrecerá durante 30 xornadas actuacións xenuínas e abertas á cidadanía en diferentes espazos da cidade. O acto, celebrado no Club Cámara Noroeste, contou coa actuación musical de Adya Khanna Fontenla e Clara Giner.


O RESIS dará comezo este venres, 25 de abril, no Teatro Rosalía de Castro, co concerto de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Clara Giner
Clara Giner


O festival de referencia da música contemporánea, RESIS 2025, chega á súa VIII edición coa presenza de artistas internacionais e prestixiosas agrupacións como son Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble, Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia ou a Banda Municipal; directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas ou Javier Fajardo; solistas como Viriginia Guidi, Florian Hoelscher ou Florentin Ginot, ou o creador de metasistemas Rubén Panete.


Sen perder de vista o labor das creadoras e compositoras, a edición deste ano contará coas obras de Clara Iannotta, Raquel Buj, Esther Pérez Soriano, Luz Arcas, Sarah Nemtsov, entre outras. Afianzando o seu firme compromiso polo fomento da nova creación española, o compositor e director do festival Hugo Gómez-Chao Porta e a deseñadora experimental Raquel Buj estrearán KARST na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, obra que tamén será representada no Festival Nuova Consonanza en Roma, coa participación da coreógrafa e bailarina Premio Nacional de Danza 2024, Luz Arcas.


Asemade, o RESIS, na permanente aposta pola educación e a inclusión, realizará actividades de carácter formativo interdisciplinar. O III Panel de lectura de partituras RESIS.LAB, destinado a mozos e mozas compositores e compositoras, é un proxecto didáctico e pedagóxico que, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e baixo a dirección do recoñecido compositor José María Sánchez-Verdú, culminará cun concerto dirixido por Jordi Francés no Auditorio de Galicia de Santiago.


Seguindo esta liña de actuación, levarase tamén a cabo Proxección Sonora IV, aproximando a música contemporánea ás persoas con diferentes capacidades e favorecendo así o acceso igualitario.


O RESIS, cunha programación experimental e híbrida, desenvolverá ao longo destes 30 días concertos, arte sonora, tecnoloxía e dixital, exposicións, cine, masterclasses, coloquios e conferencias que se encadrarán nunha ducia de espazos de alto nivel patrimonial, arquitectónico e paisaxístico no centro da cidade da Coruña. As entradas aos concertos e actividades serán gratuítas, reservándose en ataquilla.com ou de maneira presencial no quiosco da Praza de Ourense. Toda a programación pode ser consultada na páxina web http://www.resisfestival.gal.


Espazos de Intervención

Unha das singularidades do Festival RESIS en todas as súas edicións son os espazos singulares nos que se organizan os concertos, workshops e performance, recorrendo este ano a Igrexa das Capuchinas, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Palacio da Ópera, o Museo de Belas Artes da Coruña, a DOMUS e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía MUNCYT. E, ademais, a Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, a Cidade da Cultura e o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela; o Círculo de Belas Artes e o Instituto Goethe, en Madrid; o Teatro Pelanda Matatoio en Roma (Italia) no Festival Nuova Consonanza, e en Alte Mühle en Rathenow (Alemaña).

Deja un comentario

Más noticias….