O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, celebrará este domingo o CCK, o Congreso Científico Inkrustado, no que, os 17 alumnos e alumnas que participaron no programa Incrústaste realizando unha estancia de tres días no CICA, expoñerán os resultados da súa práctica experimental ante un tribunal especializado.


A partir das 10.30 horas a Domus acollerá unha exposición de 17 pósters que serán defendidos polo alumnado nos que tratarán diversos temas de Biomedicina, Nanociencia e de Alimentación, Saúde e Contaminación; as tres áreas nas que se dividen os grupos de investigación aloxados no CICA.

Congreso CICA
Congreso CICA


O tribunal especializado valorará a calidade do póster e a súa destreza de explicación, tanto na exposición como nas preguntas formuladas, para elixir a catro dos participantes que poderán realizar unha estancia de ata dúas semanas no centro. Unha oportunidade única para aquel estudantado que teña inquedanza polo coñecemento científico e queira profundar no seu experimento.


Durante a xornada, unha selección de estudantes voluntarios fará unha exposición oral no auditorio da DOMUS sobre o seu traballo. Ao rematar, tanto o alumnado como as súas familias e o persoal investigador do CICA, desplazaranse ao centro, onde se dará a coñecer o veredicto do tribunal.


O tribunal do Congreso Científico está formado por Carlos María Rodríguez López, graduado en Bioloxía pola Universidade da Coruña e profesor de secundaria no IES As Mariñas (Betanzos); Patricia Barciela Durán, doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente directora técnica do Museo DOMUS, María del Carmen Prieto Blanco, doutora en Química e profesora na Universidade da Coruña; e Aroa Silva Pose, estudante do Grao en Bioloxía na Universidade da Coruña e directora da Feira Científica Open Science (Cambre) nas edicións de 2023 e 2024.


Este evento conta coa colaboración do Concello da Coruña, os Museos Científicos, a Comisión da Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias e de a FECYT, Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, que cofinancia a totalidade do programa.


Nova edición a partir de setembro
Con esta segunda fase, a sexta edición de “Incrúst@te: qué é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía”, que comezou o pasado mes de novembro coas visitas escolares, chegaría ao seu fin.


En setembro abrirase unha nova convocatoria para que os profesores de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e Formación Profesional poidan solicitar visitas escolares e participar no programa do vindeiro curso.

Incrústate
Incrústate é unha iniciativa activa desde 2017, que busca fomentar a vocación científica nos máis novos para que poidan coñecer o sector de primeira man e dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, ademais de dar visibilidade ao traballo do persoal investigador e ao papel da muller na ciencia. Polas anteriores edicións realizadas pasaron xa máis de 1.200 estudantes.

Deja un comentario

Más noticias….