O Servizo Galego de Saúde e a Asociación Española contra o Cancro de Ferrol colaborarán no apoio aos enfermos oncolóxicos e ás súas familias co obxectivo de incrementar o seu benestar e mellorar a súa calidade de vida.


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e da xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, reuniuse coa presidenta da xunta local da Asociación Española contra o Cancro de Ferrol, Isabel Estevan e coa vicepresidenta, Mabel Sanesteban.


No encontro, abordaron o convenio de colaboración asinado entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación Española contra o Cancro para o desenvolvemento de programas de voluntariado na área sanitaria de Ferrol. O obxectivo é consolidar unha rede estable para o apoio e o acompañamento ao paciente oncolóxico e á súa familia.


Entre as actividades que se prevén desenvolver está o apoio no intercambio e asimilación de información que reciben os pacientes e familiares que son diagnosticados por primeira vez de cancro. Ademais, prestarase apoio na realización de xestións administrativas e alivio dos coidadores dos pacientes, para facilitarlles o seu descanso físico e emocional. Xunto ao anterior, transmitirase ao doente información útil e necesaria para conciencialo sobre o impacto que xera a enfermidade e realizaranse actividades de animación e entretemento para facilitar a estadía da persoa enferma no hospital. No marco deste entendemento entre as dúas institucións, dinamizarase a comunicación cos pacientes e fomentarase a recuperación dos doentes oncolóxicos afectados por problemas que interfiren a nivel persoal, familiar ou social.


A Administración sanitaria e a asociación tamén colaborarán en actividades dirixidas a promover hábitos de vida saudables na poboación xeral, particularmente do nivel de actividade física e na deshabituación tabáquica.


A xerencia da área sanitaria facilitará o acceso e permanencia no centro sanitario aos membros da AECC participantes nas actividades, para que poidan desenvolver adecuadamente as mesmas. Ademais, organizará espazos para as ditas actividades, de xeito que non interfiran no funcionamento habitual do centro.


Así mesmo, a xerencia propiciará unha coordinación efectiva coa asociación mediante o nomeamento de profesionais de referencia nos distintos centros ou servizos asistenciais e a colaboración do servizo de traballo social, que procederá á valoración individualizada dos casos.


A área sanitaria de Ferrol incorpora entre os seus obxectivos de humanización o fomento do voluntariado, a través de programas de colaboración con entidades e asociacións do ámbito sanitario.


Ademais, a área sanitaria, sensible aos fenómenos que poidan redundar nunha maior cohesión social, recoñece o importante labor da Asociación Española contra o Cancro no sufrimento nas persoas producido polo cancro, así como a súa coordinación cos servizos asistenciais, desenvolvendo actividades centradas nas necesidades emocionais das persoas.

Deja un comentario

Más noticias….