O Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), integrado no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), desenvolveu un novo bioplástico con mellores propiedades estruturais e de barreira sen precisar aditivos externos. Este traballo, enmarcado no proxecto europeo Waste2BioComp (W2BC), forma parte da tese de doutoramento da investigadora Anja Schmidt e desenvolveuse en colaboración co Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe GmbH de Alemaña. No artigo tamén participan como persoal investigador coautor Birgit Bittmann-Hennes, Danny Moncada e Belén Montero.


Os resultados do estudo foron publicados na revista científica ACS Omega (Q2 no índice de impacto) co título: “Self-Reinforced Biocomposites Made from Poly(3-hydroxybutyrate-co-3-hydroxyvalerate) (PHBV): An Innovative Approach to Sustainable Packaging Production through Melt Processing” [“Biocompostos autorreforzados de poli(3-hidroxibutirato-co-3-hidroxivalerato) (PHBV): un enfoque innovador para a produción sostible de envases mediante o procesamento por fusión”].


Bioplásticos reforzados, sen aditivos
O estudo céntrase no desenvolvemento dun biocomposto autorreforzado a partir do biopolímero PHBV (polihidroxibutirato-co-polihidroxivalerato), un material de orixe natural completamente biodegradable. A innovación reside en integrar micropartículas do propio PHBV na súa matriz para mellorar o comportamento mecánico e as propiedades de barreira fronte ao osíxeno e o vapor de auga, aspectos fundamentais para prolongar a conservación dos alimentos envasados.


Este enfoque científico permite reforzar o material sen engadir plásticos convencionais nin outros aditivos, o que facilita tanto reciclalo como compostalo. A diferenza dos envases multicapa tradicionais, que resultan difíciles de reciclar pola combinación de materiais distintos, o novo biocomposto mantén unha composición homoxénea que simplifica xestionalo ao final da súa vida útil.


Produción industrial eficiente a grande escala
Outro aspecto salientable é que a produción destes bioplásticos non require disolventes tóxicos nin procesos custosos. Utilízanse tecnoloxías de transformación amplamente implantadas na industria, como a extrusión e o moldeado por inxección, o que facilita fabricalos a grande escala.


Segundo o equipo investigador: “Conseguimos, por primeira vez no ámbito industrial, incorporar partículas de PHBV nunha matriz do mesmo material mediante un proceso eficiente e compatible coa produción a grande escala”.


Ciencia galega nun proxecto europeo
Este traballo enmárcase no proxecto europeo Waste2BioComp, que reúne 13 organizacións de seis países co obxectivo de transformar residuos orgánicos e subprodutos en novos biomateriais sostibles. A Universidade da Coruña lidera un paquete de traballo que se centra no desenvolvemento de partículas de PHBV para aplicacións no sector da embalaxe.


Como parte das actividades finais, a investigadora responsable do proxecto na UDC, Belén Montero, participou os días 29 e 30 de abril en Bruxelas no evento de peche organizado polo clúster europeo BioMatters baixo o lema “Beyond Waste: Shaping the Future with Bio-Based Materials”. Alí presentou, xunto co director de I+D de Propagroup SpA, Salvatore Davide Crapanzano, os principais resultados relacionados coa cadea de valor dos plásticos sostibles.


Durante a súa intervención, Montero abordou o potencial das solucións baseadas en biopolímeros para substituír materiais fósiles en plásticos tanto ríxidos como flexibles. O mércores 30 de abril tivo lugar o encontro interno do consorcio, en que se analizaron os avances e as futuras liñas de traballo.


Con este avance, o Grupo de Polímeros do CITENI reafirma o seu compromiso coa investigación de materiais máis sostibles e co desenvolvemento de solucións innovadoras que achegan a industria do envasado aos principios da economía circular.

Deja un comentario

Más noticias….