A Alameda de Santiago de Compostela converteuse esta mañá nun escenario aberto á palabra e á emoción. Arredor dos libros, da súa forza silenciosa e da súa promesa de mundos por descubrir, abriu hoxe as súas portas a Feira do Libro de Santiago de Compostela, que se estenderá até o 11de maio, ofrecendo literatura, encontros e pensamento compartido.

O acto inaugural arrincou coa música da Banda Municipal, que acompañou a chegada das autoridades e das librarías participantes, como unha banda sonora que anunciaba festa, cultura e resistencia. Nun espazo decorado para celebrar o libro en todas as súas formas, tivo lugar o posado fotográfico fronte ao photocall, coas intervencións institucionais sucedéndose logo con solemnidade e emoción contida.

A tesoreira da Federación de Librarías de Galicia, Patricia Porto, abriu o acto,que contou coa presencia da deputada de Dereitos Civís, Igualdade e Normalización Lingüística, Soledad Agra Tuñas, o conselleiro de Cultura,Lingua e Xuventude, José López Campos, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Mais o corazón da inauguración chegou coa voz da pregoeira, a libreira Lola Puerta, que agasallou ao público cun discurso emotivo, lúcido e cheo de vida.

Dende hoxe e ata o 11 de maio a Feira do Libro de Compostela porá en marcha inclúe contacontos, roteiros literarios, obradoiros creativos, presentacións de libros e encontros con escritoras e ilustradoras como Arantxa Portabales, Isabel Blanco e María Lapido, Neves Rodríguez, Alba Cid, Elena Gallego Abad, Xabier Queipo e María Hesse, entre moitas outras voces destacadas da literatura galega e estatal. Destacan tamén os espazos de diálogo arredor da literatura fantástica, a banda deseñada ou a memoria histórica.

Entre as propostas máis singulares desta edición están o roteiro arredor do Diario de Ruth Matilda Anderson, o obradoiro de achegamento á escritura braille, a actividade “Bailen as vellas” de narración oral para adultos e o concurso literario “Canto sabes de novelas?” que pecha a xornada do venres 9. A Feira do Libro compostelá reforza o seu carácter familiar con espectáculos infantís como “Os xogos do Paporrubio” , contacontos como “Onde está Otti?” ou “Bim, bam,bum” con Paco Nogueiras, e obradoiros como o de marcapáxinas plantables, que combinan creatividade e conciencia ambiental.

Deja un comentario

Más noticias….