A Real Academia Galega celebrará a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, concello natal das Pandeireteiras de Mens, nas que personifica este 17 de maio que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral canda Adolfina e Rosa Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía). Durante o pleno, que arrincará ás 12:30 horas, pronunicaranse as alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A parte musical contará coas Tanxugueiras, exemplo senlleiro dos novos vieiros da tradición reinterpretada dende a modernidade. A sesión extraordinaria da RAG é de entrada libre ata completar a capacidade do auditorio e poderá seguirse en directo dende academia.gal.
O programa, de acordo cos motivos que levaron a Academia a promover a candidatura das cantareiras, reivindica dous esteos fundamentais da lingua e da cultura de noso: o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e mais a súa continuidade en novas voces como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, que lles abren á tradición e á lingua novos e exitosos vieiros creativos.
Este será o segundo acto da RAG co gallo das Letras Galegas 2025, tras a presentación da nova edición de Primavera das Letras, o seu proxecto web para o público infantil, no concello natal de Rosa e Adolfina. O alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda protagonizou o pasado mes de marzo a estrea da peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira –autora gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática– e ilustrada por Nuria Díaz. A edición dixital do texto pode descargarse en primaveradasletras.gal, onde tamén se ofrecen actividades interactivas, fichas para colorear, marcapáxinas e chapas sobre as cantareiras. A terceira gran cita das Letras terá lugar xa no outono en Muxía. A terra onde naceu e medrou Eva Castiñeira será punto de encontro de especialistas que afondarán en novas olladas arredor do fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral.
As Letras na Rede
Pero alén das actividades presenciais, a Academia celebra as Letras con intensidade na Rede, con contidos para todas as idades. Mentres Primavera das Letras se centra no público máis novo, a sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal ofrece diversos contidos, entre eles a serie documental web Se canto é porque quero, que pode verse ademais dende este luns en Agalega.gal e que será emitida na G2 o 15 de maio ás 22:30 horas. Tamén en clave audiovisual, A RAG estreará este mes varios episodios da serie O Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos relacionados coas protagonistas deste 17 de maio: A Vila da Igrexa, Cerceda, Mens, Malpica de Bergantiños e Muxía.
Por que non hei de cantar? é a proposta do servizo de publicacións da Academia. A edición, ao coidado do musicólogo Manuel Rico Verea, repartirase entre os asistentes ao pleno extraordinario dese día e poderase descargar tamén na web da RAG. O volume ofrece de maneira breve e didáctica unha aproximación ás recolleitas dos corpus da literatura popular de Galicia e á historia dos cancioneiros que reproducen as melodías tradicionais de Galicia, cunha primeira parte dedicada ás cantareiras homenaxeadas e unha final a Dorothé Schubarth, outra figura relevante nestas Letras Galegas como recompiladora de referencia: a etnomusicóloga suíza gravou, ordenou e catalogou os versos e as melodías que lles escoitou a preto de 600 informantes de todo o país entre finais dos anos 70 e os 80 do séculos XX. Co traballo que realizou en colaboración con Antón Santamarina, considerado a biblia dos cancioneiros, a estudosa foi quen de facer agromar “tempos novos para a lírica e a música de tradición oral que transmitiron os últimos informantes dunha sociedade galega de cambios abruptos vividos durante o século XX”, valora Rico Verea.





Deja un comentario