A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de Otilia Mó Romero (Ponteareas, 1947), catedrática emérita de Química Física da Universidad Autónoma de Madrid, como académica correspondente da sección de Química e Xeoloxía da institución. A investigadora pronunciou o seu discurso de ingreso co título “A Cuántica. Unha revolución que empezou hai un século”. O encargado de realizar a laudatio foi o académico Miguel Ángel Ríos, catedrático emérito de Química Física da Universidade de Santiago, que foi o seu titor na facultade de Química na USC, o seu director de tesiña e quen lle amosou “a beleza e o encanto do mundo cuántico”.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; a decana da facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña; a vicedecana da facultade de Medicina da USC, Ángela Torres; o director do departamento de Química Física da USC, Antonio Fernández; a presidenta da Real Sociedad Matemática, Victoria Otero; Ruth Varela, da Fundación Castelao; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
A nova académica fixo un alegato en defensa da educación pública e do papel da muller na ciencia
No seu discurso, Otilia Mó fixo un alegato en defensa da educación pública, por un lado, e do papel da muller na ciencia por outro. “Foi un sistema de educación pública o que me levou a min, unha nena dunha recóndita aldea galega, a recibir en París unha distinción como muller investigadora en Química. Este milagre só reflicte o enorme potencial que o noso sistema de educación pública é capaz de acadar. Defendámolo”.
En relación ao papel da Química Cuántica, salientou que “foi decisivo para explorar ámbitos onde a información era escasa e os sistemas obxecto de estudo, na maioría dos casos, non eran estables nas condicións do laboratorio, como no eido da Astroquímica”. En relación a este aspecto, na súa intervención deixou patente a idea fundamental de que “o comportamento cuántico de átomos e moléculas constitúe a clave fundamental e a única vía para comprender os fenómenos máis diversos do noso universo, desde a estabilidade do átomo ata a dinámica das reaccións químicas máis complexas”. Así, no transcurso da súa dilatada carreira, a catedrática investigou unha serie de procesos que ocorren no espazo interestelar.
Por outro lado, destacou “a capacidade da mecánica cuántica para desentrañar os mecanismos dos procesos químicos, unha información que resulta difícil de obter mediante métodos experimentais”. Nesta liña, a nova académica puxo de relevo que “grazas ao desenvolvemento de técnicas cuánticas avanzadas, hoxe é posible `observar´ procesos que ocorren en escalas temporais da orde dos 10⁻¹⁵ segundos, o que abriu a porta ao estudo de reaccións químicas en tempo real”.
“A cuántica tamén nos permite deseñar dispositivos fotovoltaicos como o caso das pilas moleculares. A cuántica desempeñou e segue a desempeñar un papel crucial en infinidade de campos como o dos nanomateriais, as máquinas moleculares, o deseño de fármacos…” -apuntou a catedrática-.





Deja un comentario