O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons; e a directora de Modaes, Pilar Riaño, inauguraron, este mércores 7 de maio, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, as III Xornadas The Future of Fashion Talent nas que participaron preto de 200 persoas, na súa inmensa maioría, estudantes do grao en Xestión Industrial da Moda e do máster en Tecnoloxía Téxil e Moda Sostible, así como numerosas empresas de distintos puntos de Galicia e público xeral interesado.


O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, aproveitou a súa intervención para expresar o seu “fondo agradecemento” ás entidades organizadoras e colaboradoras e, en especial, a Modaes. Ao mesmo tempo, resaltou o “impulso” do Campus Industrial de Ferrol para a posta en marcha desta e doutras iniciativas similares, así como o apoio prestado por parte de COINTEGA – Clúster Gallego Textil Moda e máis do Concello de Ferrol.


Do mesmo xeito, Ricardo Cao quixo pór de manifesto o compromiso da Universidade da Coruña (UDC) para continuar formando a profesionais altamente cualificados, facendo mención ao grao en Xestión Industrial da Moda, “unha titulación multillingüe que proporciona unha sólida formación práctica e interdisciplinar para a análise e a toma de decisións en todos os eslavóns da cadea de valor da industria da moda”, e ao máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible, de recente creación, “que ofrece unha formación avanzada nos eidos da sustentabilidade e da tecnoloxía aplicada a este sector”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons, resaltou o “privilexio” que supón para a cidade acoller, un ano máis, un evento destas características e convidou ao público asistente a “aproveitar ao máximo cada momento, a faceren preguntas, a compartiren perspectivas e a buscar novas vías de colaboración”.


Conferencias e mesas redondas co talento na cadea de valor como protagonista
O programa da xornada incluíu dous relatorios e dúas mesas redondas. A primeira das conferencias correu a cargo do persoal de Recursos Humanos de Inditex e a segunda, da directora de Modaes, Pilar Riaño, baixo o título “Deseño: o novo rol creativo”. No que atinxe ás mesas redondas, na primeira delas, “Loxística, Operacións e Finanzas: a defensa da moda”, interviron a analista de Produto en Calvin Klein, Ana María García; a International Product Manager & Commercial Controller RTW man en Sociedad Textil Lonia, Paula del Carmen López; a directora de Manpower Business Professionals en
Manpower España, Beatriz Duarte; e a profesora da Universidade da Coruña (UDC), Ariadna Monje.


Pola súa banda, na segunda mesa redonda, “Retail: os goleadores da moda”, participaron o director de expansión de Flabelus, Domingo Barrachina; o cofundador de elPulpo, José Antonio Chacón; a directora de Recursos Humanos en Jose Luis Joyerías, Sandra Mosquera; o presidente de COINTEGA – Clúster Gallego Textil Moda e propietario de El Niño, Javier Guerra; xunto co coordinador do grao en Xestión Industrial da Moda – titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación-, Manuel Escourido.

Deja un comentario

Más noticias….