O circuíto de cinema galego Ciclo Mestre Mateo arranca a súa cuarta edición na provincia da Coruña grazas ao apoio da Deputación de Coruña. Hoxe en rolda de prensa, a Deputada de Cultura, Natividade González, e a vogal da Academia Galega do Audiovisual, Alba Gallego, presentaron as novidades da mostra.

Os concellos de Betanzos, Boiro, Cedeira, Cerceda, Valdoviño e Vimianzo proxectarán as producións finalistas nas categorías de longametraxe e documental dos XXIII Premios Mestre Mateo.

A Deputada de Cultura, Natividade González, apuntou que «o cinema segue a ser protagonista na provincia da Coruña» e para a administración «é importante seguir apostando para que este tipo de proxectos se leven a cabo. O ciclo chega a lugares onde non existen grandes pantallas. Queremos facer da cultura un espazo accesible».

Pola súa parte, Alba Gallego destacou «a importancia de que o cinema galego chegue a todos os recunchos do país, especialmente a aquelas localidades que non contan cunha programación audiovisual estable». Engadiu que «o Ciclo Mestre Mateo é unha ferramenta fundamental para fortalecer o vínculo da cidadanía co noso audiovisual, poñendo en valor o talento, a diversidade e a capacidade de contar historias propias que temos en Galicia».

Este ano forman parte do Ciclo Mestre Mateo as longametraxes As Neves, de Sonia Méndez; Xustiza artificial, de Simón Casal; Honeymoon, de Enrique Otero; + Cuñados, de Luis Avilés; e os documentais Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño; Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca; Aurora, de Area Erina e Prefiro condenarme de Margarita Ledo.

O Ciclo Mestre Mateo, creado pola Academia Galega do Audiovisual en 2022 co apoio das deputacións provinciais, consolidouse como un proxecto clave para levar o cinema galego de calidade a vilas sen salas comerciais, creando unha rede de exhibición en centros culturais, auditorios e bibliotecas por toda Galicia. Con máis de 22.000 espectadores en tres anos, o ciclo contribúe a facer accesibles producións destacadas do audiovisual galego, superando as limitacións dos circuítos comerciais e reforzando o vínculo da cidadanía co seu propio cinema.

O Ciclo Mestre Mateo viaxa fóra de Galicia

Grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Emigración, a iniciativa viaxará de novo fóra das nosas fronteiras, aos centros culturais, para que as comunidades galegas do exterior podan gozar da colleita audiovisual do último ano.

A iniciativa é posible grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Área de Cultura da Deputación de Lugo, Deputación de Ourense, Deputación de Pontevedra, Secretaría Xeral da Emigración e AGADIC. 

Deja un comentario

Más noticias….