O universo Romasanta convértese en protagonista da nova obra de Pedro Feijoo, que chegará ás librarías o vindeiro 15 de maio co título Onde nacen as bestas. O autor vigués lanza unha novela cunha estrutura complexa que ten como referencia o personaxe de Manuel Blanco Romasanta para construír unha trama de asasinatos que teñen lugar no presente.
Como xa é habitual no escritor, que acadou o XL Premio Xerais de Novela por Ninguén contará a verdade, o relato mestura elementos da novela negra e do thriller como a crítica social e unha escrita con descricións duras e descarnadas. O pulso narrativo de Pedro Feijoo atrapará o lectorado dende as
primeiras páxinas. Esta é unha historia aditiva e chea de referencias históricas que propón unha aproximación á persoa que hai detrás do coñecido psicópata recordado como Sacaúntos e Lobishome. Do mesmo xeito, Feijoo aborda os traumas herdados de xeración en xeración no seo familiar.

Entre o lume do val e as néboas da serra, algo se revolve nas entrañas da Galicia máis feroz e descarnada. Unha serie atroz de asasinatos espertará a memoria dun nome perdido no tempo e, como nun segredo que se comparte en voz baixa, un temor comezará a repetirse nos rumores: «Volveu o Sacaúntos…». Onde nacen as bestas é unha novela sobre o lado salvaxe do noso propio ser, onde a montaña marca as personalidades dos seus habitantes e a piedade pode desaparecer en calquera momento. Unha historia cunha atmosfera densa e inquietante, onde as fronteiras entre o cotián e o imaxinario se cruzan e mesturan ata facer imposible distinguir que é real e que lenda. Pedro Feijoo mergúllanos nunha historia de violencia ancestral, silencios familiares e identidades ocultas. Un thriller apaixonante que explora os recunchos máis escuros da natureza humana, onde todos gardamos os nosos segredos e nada é o que parece. Ou, se cadra, si.
“O que máis me interesa da historia é a profundidade do personaxe. O que Manuel Blanco Romasanta empregou como escusa para xustificar os asasinatos que cometeu acabou sendo o que o convertería nun mito, pero todo o que hai antes é mil veces máis interesante. Cando te esqueces do personaxe e exploras na persoa, dentro hai unha furna moito máis profunda, e no seu interior hai un montón de galerías máis profundas aínda”, conta Pedro Feijoo sobre o seu proceso de investigación para a creación desta novela.
Como xa é habitual na obra do autor vigués, a historia introdúcese nas partes máis escuras da mente para tratar de entender os comportamentos máis crueis da natureza humana. O escritor Suso de Toro explicou a tendencia de Pedro Feijoo de escribir sobre estas cuestións como un impulso por “entender de onde vén toda a dor”. “Dunha maneira ou outra sempre volvo a temas como a dor, o horror, o medo, a angustia…”, conta o escritor.
Ademais, para escribir esta novela, Pedro Feijoo pasou máis de seis meses vivindo na aldea de Rebordechao, preto da casa que habitou o propio Romasanta. A experiencia axudoulle a entender a forma de vida nunha aldea da montaña, así como a lacra dos lumes provocados no monte e os intereses polos que se moven. Deste xeito, a novela aborda temas variados como os incendios no rural, a violencia familiar e as súas secuelas, a discriminación e o acoso escolar.
Esta inmersión na aldea permite que a novela flúa con naturalidade e verosimilitude. “Instalarme a vivir en Rebordechao foi unha das mellores decisións que tomei como escritor, sempre me documento moito para as miñas novelas, pero neste caso convivín cos personaxes e os ambientes”, explica Pedro Feijoo, que é un dos autores galegos que máis traballo de investigación e documentación realiza para escribir as súas novelas.
“Converterme nun veciño máis, convivir cos ritmos da aldea, ser parte das celebracións… permíteche acceder a unha verdade á que non accederías de ningún outro xeito. Penso que ningún outro autor en Galicia o fai. Ese é o meu nivel de entrega e de compromiso co texto”, engade o autor.
A obra conta tamén con numerosas referencias a colegas e colaboradores que o axudaron a documentar esta historia, como os bibliotecarios de Verín Vicente Fernández e Aurora Prieto, o forense Fernando Serrulla ou o antropólogo Miguel Losada, entre outros. Entre as páxinas de Onde nacen as bestas aparece tamén mencionado Leo Caldas, o mítico inspector creado por Domingo Villar a quen Pedro Feijoo quixo homenaxear nesta novela.
Xerais celebra ao longo desta semana encontros con lectoras e lectores e con librarías para dar a coñecer en exclusiva algúns dos detalles da novela. A partir da chegada da obra ás librarías, o autor comeza unha rolda de presentacións polas vilas e cidades galegas que se estenderá durante os próximos meses.





Deja un comentario