O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, deu a benvida aos catro primeiros profesionais da plantilla do Centro de Protonterapia de Galicia, que inician a súa formación de cara á posta en marcha do centro que comezará a atender pacientes en 2026.


Trátase do coordinador do proxecto de posta en marcha, Manuel Sánchez García, facultativo especialista en radiofísica; de María Pérez Fernández, tamén facultativa especialista en radiofísica; e de Concepción Victoria Fernández e Nuria Rodríguez de Dios, facultativas especialistas en oncoloxía radioterápica.


O conselleiro de Sanidade sinalou como un fito dar a coñecer hoxe, na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, o programa formativo adaptado ás necesidades dos profesionais que formarán parte do Centro de Protonterapia, daqueles especialistas en oncoloxías de centros para os que o centro situado en Santiago de Compostela será referente. Ademais, ofrecerase formación a todo o persoal do Servizo Galego de Saúde, para que teña coñecementos xerais desta nova técnica de tratamento contra o cancro.

Gómez Caamaño anunciou que para o persoal da sanidade pública está dispoñible desde hoxe mesmo un curso de autoformación sobre os fundamentos básicos da protonterapia na aula virtual da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

Fases da formación especializada
Paralelamente, a Consellería de Sanidade ofrece formación específica para a plantilla do Centro de Protonterapia, en coordinación coa comisión promovida polo Ministerio de Sanidade e a empresa provedora do equipamento de alta especialización Ion Beam Applications (IBA), referente mundial en tecnoloxía de protonterapia.


A formación que recibirán estes profesionais cubrirá áreas clave como a física médica, a oncoloxía radioterápica e a protección radiolóxica e estará orientada á distintas fases de implantación e posta en marcha do equipo de protonterapia.


En concreto, coincidindo coa fase de preimplantación, realizaranse cursos presenciais, formación en liña e estancias nos centros de protonterapia de referencia. Na fase de implantación do equipo, realizarase actividade formativa e adestramento, fundamentalmente no Hospital Clínico de Santiago e con soporte de apoio remoto.


E, unha vez en funcionamento o centro, estará garantida formación continuada, con actualización do coñecemento de todos os profesionais.


En total, o equipo completo do Centro de Protonterapia de Galicia estará composto por 17 profesionais, cuxa incorporación está prevista para o mes de setembro.

Protonterapia na sanidade pública
O conselleiro de Sanidade indicou que as obras do centro avanzan considerablemente despois do remate do búnker dedicado á asistencia de pacientes. Está previsto que despois do verán reciba o equipamento para ofrecer o tratamento máis avanzado contra o cancro.


A súa instalación culminará no terceiro trimestre de 2026 co inicio de tratamento a pacientes, que poderán ser 250 cada ano. Galicia converterase na primeira comunidade en ofrecer protonterapia na sanidade pública, a pacientes galegos e tamén de Asturias, Castela e León e do norte de Portugal. Ademais, contarase con outro búnker paralelo que se destinará inicialmente á investigación.

Deja un comentario

Más noticias….