A Universidade da Coruña porá en marcha no curso 2025-2026 o novo Dobre Grao en Enxeñaría Informática e Ciencia e Enxeñaría de Datos, que permitirá ao estudantado obter os dous títulos oficiais de grao mediante un único itinerario de cinco anos. Esta nova titulación impartirase na Facultade de Informática da Coruña (FIC), centro no que actualmente se imparten tanto o Grao en Enxeñaría Informática (GEI) como o de Ciencia e Enxeñaría de Datos (GCED), que son a base deste novo programa de simultaneidade.


O plan de estudos do novo dobre grao, que arrancará con 10 prazas, está estruturado para que o estudantado poida adquirir as competencias profesionais de ambas as dúas titulacións, cunha formación sólida tanto en enxeñaría informática como en análise de datos. Ao remate dos estudos, o
alumnado deberá realizar prácticas en empresa, reforzando así o seu contacto directo co tecido produtivo e facilitando a súa inserción laboral.


O novo dobre grao ten como finalidade ofrecer unha formación integral que combine as capacidades de deseño e desenvolvemento de sistemas informáticos coas habilidades para a xestión e análise avanzada de datos, áreas cada vez máis demandadas polos sectores tecnolóxicos e industriais.


Con esta formación, o alumnado poderá afrontar os retos do actual contexto dixital cun perfil profesional moi versátil e especializado. Ademais, o estudantado do dobre grao poderá cursar calquera das mencións de especialización do Grao en Enxeñaría Informática, escollendo entre Computación, Sistemas de Información, Enxeñaría do Software, Enxeñaría de Computadores ou Tecnoloxías da Información.


A creación deste novo itinerario conxunto xustifícase na afinidade académica, científica e metodolóxica das dúas titulacións de orixe; así como na complementariedade dos perfís profesionais que ofrecen o GEI e o GCED; e na alta demanda de profesionais con formación avanzada en enxeñaría
informática e análise de datos por parte das empresas. Esta simultaneidade permite, ademais, optimizar a duración dos estudos e ampliar as saídas laborais do alumnado.


Máis alá da súa pertinencia académica e do seu rigor formativo, esta proposta responde a unha demanda crecente de perfís profesionais híbridos, cunha alta capacitación tecnolóxica e de análise, capaces de liderar a transformación dixital dos sectores produtivos.

Deja un comentario

Más noticias….