Aproveitando a chegada do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras, Aceites Abril súmase a este recoñecemento á tradición oral e rende homenaxe ás mulleres que, co seu saber, voz e xenerosidade, teñen mantido viva a música e a poesía popular ao longo de xeracións. Baixo o paraugas de “Facendo mellor ás mellores” fai unha homenaxea a esas mulleres que fixeron da palabra cantada un xeito de estar no mundo.


Con esta nova acción, a empresa familiar ourensana busca pór en valor a tradición oral galega e o papel esencial das cantareiras como transmisoras da nosa cultura e patrimonio.


“Para min é unha honra participar nesta campaña de Aceites Abril dedicada ás cantareiras, poñendo en valor a nosa cultura e identidade. Xunto a Teresa dos Cucos e Antía Vázquez, representamos a distintas xeracións unidas por un mesmo obxectivo: manter acesa a música tradicional galega e transmitila como legado ás que veñen detrás”, sinala Fransy González.


En palabras da campaña: “Somos de Cantareiras. Dende a memoria viva de Teresa dos Cucos, á ponte brava de Fransy González, ata Antía, nova voz e elo dun legado que non se quebra. Vai por todas elas.”


Deste xeito visibilizan o legado de tres xeracións de cantareiras: Teresa dos Cucos, pura memoria viva e mestra de mestras; Fransy González, cantareira, pandeireteira e mestra, con mais de media vida facendo recollidas e investigación; e Antía Vázquez, nova voz e exemplo de como a tradición avanza cara á modernidade sen esquecer a súa orixe.


“As cantareiras son as auténticas heroínas do mantemento desta tradición secular. Grazas ao seu facer, moitas veces dende o anonimato, foron quen de gardar, conservar e transmitir este patrimonio inmaterial e, por suposto que nos fan mellores”, explican desde Abril, percorrendo un capítulo máis na súa historia de amor con Galicia.


Deste xeito, a empresa ourensana pon de novo o foco e ensalza o patrimonio inmaterial galego, á vez que entronca cun dos seus propósitos de axudar a preservar e pór en valor tanto a tradición culinaria coma o seu patrimonio inmaterial.

Deja un comentario

Más noticias….