Un seminario profesional impartido pola responsable de vestiario da serie “Rapa”, a santiaguesa Beatriz Sieira, no marco da materia “Téxtiles Intelixentes e Téxtiles Técnicos” do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), contribuíu a que oito alumnas deste máster da Universidade da Coruña (UDC) se animasen a elaborar catro traxes de época, recreando a vestimenta da Ilustración (Século XVIII) e botando man dos chamados tecidos téxtiles intelixentes e de materiais reciclados.
Eses catro catro traxes, elaborados polas alumnas do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, Ana Cristina Rico, Alicia Lorenzo; Fatma Benhamou; Xiana Santiago; Aida Vidal; Carla González; Reguieg Ysaad Narimene e Valentina Sánchez; pódensen visitar, de xeito totalmente gratuíto, na Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol, ata o xoves 22 de maio, baixo o título de “Ecos do Pasado, Visión do Futuro”.
O quinto e último traxe que se pode contemplar neste espazo foi cedido polo Centro de Iniciativas Turísticas, Económicas e Sociais de Ferrol (CITES Ferrol) para esta ocasión. Con todo, está previsto que estas prendas formen parte do desfile programado para este sábado 10 de maio no marco do V Festival Ilustrado de Ferrol.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a concelleira de Turismo e Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol, Maica García; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), Marcos Míguez; a subdirectora de Másters da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Luz Castro; a coordinadora do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable, Elena Arce; e catro das alumnas que participaron no deseño dos traxes de época, inauguraron, este xoves 8 de maio, unha exposición aberta a toda a comunidade universitaria e público xeral interesado.





Deja un comentario