GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular e membro da prestixiosa organización World Design Weeks, regresa esta primavera á cidade da Coruña. A sexta edición do evento, que se celebrará do 16 ao 24 de maio, reunirá o mellor do deseño galego xunto con referentes internacionais.

Ao longo de nove días, GALICIA DESIGN WEEK (#GDW25) ofrecerá unha ampla programación gratuíta con 21 actividades. Obradoiros, paraladoiros, exposicións a ceo aberto ou sesións musicais serán parte dunha proposta que pretende poñer en valor un sector fundamental para o país, ademais de abrir o deseño galego ao exterior.

A programación da #GDW25 dividirase en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións que se abren hoxe mesmo tanto na praza de Lugo coma na avenida da Mariña; SESSIONS, a parte máis festiva do evento e como peche da actividade PRO; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade.

Este venres, 9 de maio, ponse en marcha a liña SHOW a través de dúas exhibicións arredor do deseño que xa están abertas ao público. Así, a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra artellada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e #NOVODESEÑOGALEGO, que presenta o máis salientable talento emerxente da comunidade a través dunha instalción do estudio Flu-or na avenida da Mariña. Ambas exposicións poderanse visitar até o 24 de maio.

A liña SHOW complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas desta edición. Toda a información da #GDW25 e das súas participantes xa está dispoñible no espazo web www.gdw.gal.


21 actividades e 9 días arredor do deseño


GALICIA DESIGN WEEK, co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caraméns, é a gran cita que aúna á comunidade do deseño galego. Na programación profesional PRO -que o sábado 24 de maio será 100% feminina-, atópanse parladoiros da prestixiosa produtora catalana Canada, da gran tipógrafa catalana Marta Cerdà ou mesmo da recoñecida escenógrafa pontevedresa Marta Pazos.

Nesta parte PRO, tamén haberá espazo para unha das axencias de referencia no ámbito do deseño editorial, como son os galegos Desescribir -e a súa editorial Fabulatorio-, da creativa internacional Isabelita Virtual, do estudio de arquitectura madrileño Burr, da axencia de branding Novagarda, da marca de moda Rígido e as súas creativas Carta et Stik; ademais dun taller de deseño de mobiliario impartido polo Grupo Malasa e outro de branding con Vagrant, que mostrará a nova identidade do festival de música Sónar.

Ao peche das xornadas PRO, celebraranse as SESSIONS, que correrán da conta co DJ Certain People -quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music– e a DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente.

Ademais da liña PRO, SESSIONS e SHOW, GALICIA DESING WEEK conta cun último eixe, OFF, que comezará o venres 16 de maio (17.00 a 21.00 horas) con USUAL PLACES, unha serie de actividades que terán lugar en diversos espazos creativos da cidade en colaboración co magazine coruñés Usual e Cervexas Alhambra. Ao día seguinte, o sábado 17 ás 12.00 horas, celebrarase ORIXES, un encontro de arte, artesanía e deseño impulsado polas ceramistas Verónica Moar Risco no estudio deste último.

A programación OFF retomarase o mércores 21 co lanzamento da Burguer GDW ás 20.00 horas en Rosmon, local que acollerá unha exposición de pósters do deseñador gráfico galego Miguel Quiroga. Finalmente, o xoves 22, Malte Atochas será sede de USUAL SUMMIT, unha conversa entre mulleres sobre a capacidade do deseño como axitador cultural comisariada e moderada por Usual e coas hamburguesas de Rosmon.

Deja un comentario

Más noticias….