O CITEEC, o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da Universidade da Coruña está de aniversario, dun especial: este centro de investigación da Universidade da Coruña cumpre 25 anos de actividade investigadora en materia de edificación e enxeñaría civil. Un percorrido que o levou a converterse nun centro de referencia en Galicia e tamén a nivel nacional.

25 aniversario CITEEC
25 aniversario CITEEC


Baixo lo lema “Imaxinar, innovar, vivir e celebrar”, o centro reafirma a súa vocación de seguir xerando impacto real na contorna, anticipando os retos do futuro e construíndo un futuro máis sostible, seguro e habitable.


Para celebralo, este ano o CITEEC contará cun amplo programa de actividades que xirarán ao redor desta efeméride, onde o primeiro fito será a presentación do cartel confeccionado para este 25 aniversario, deseñado por Nac Bremón e o logotipo conmemorativo, realizado pola deseñadora da UDC Julia Núñez. Un cartel que consegue que todas as persoas atopemos o noso reflexo nun onírico
colaxe que parece diferente cada vez que se mira.

Cartel deseñado por Nac Bremón e o logotipo conmemorativo, realizado pola deseñadora da UDC Julia Núñez
Cartel deseñado por Nac Bremón e o logotipo conmemorativo, realizado pola deseñadora da UDC Julia Núñez


O extensa e variada programación desenvolverase ao longo dos próximos meses e irase divulgando a través das súas RRSS. A primeira das iniciativas terá lugar xa a próxima semana, cunha colaboración especial para conmemorar o Día das Letras Galegas.


Ademais, o programa previsto inclúe un ciclo de conferencias baixo o formato CITEEConto que facemos…! edición especial, que contará con varios expertos nas áreas estratéxicas do CITEEC que teñen unha relevancia nacional e internacional no seu campo e que, ademáis, son alumni da UDC. Así mesmo, convocarase un concurso de fotografía aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral, no que o tema principal será a edificación e a enxeñaría civil en calquera dos seus ámbitos.


Xa no último trimestre celebrase o acto principal, cun evento no que se recoñecerán as traxectorias das persoas máis destacadas que forman ou formaron parte do centro e posibilitaron co seu labor a existencia e crecemento do mesmo, ata o que é hoxe, así como tamén os méritos científico-técnicos de maior relevancia nestes 25 anos de existencia das persoas adscritas.


Os directores científico e técnico do CITEEC, Fernando Martínez Abella e Juan R. Rabuñal Dopico, brindan por este cuarto de século do CITEEC: “Celebramos 25 anos de compromiso inquebrantable coa investigación excelente, a transferencia de coñecemento e o progreso tecnolóxico no ámbito da edificación e a enxeñaría civil. A ilusión e o entusiasmo de quen formamos parte deste centro seguen intactos, coa mesma enerxía, creatividade e paixón que o primeiro día. Este aniversario non é so un fito cronolóxico, é a confirmación dunha traxectoria construída con rigor, esforzo colectivo e visión de futuro”.


Os dous directores invitan ás persoas que forman parte da comunidade UDC, e tamén ás administracións públicas, aos axentes do ecosistema científico e técnico e á sociedade en xeral a sumarse a esta celebración, que “non é só nosa, senón de todas aquelas persoas que cren no poder transformador da investigación e a innovación”.

Deja un comentario

Más noticias….