A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu á V edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que se celebrou no municipio lucense de Cervantes, onde recoñeceu o labor que desenvolven os gandeiros e gandeiras da nosa comunidade. Asegurou que este evento está constituído como unha celebración de honra a través da cal enxalzar a figura dos traballadores do sector primario.
Seguindo esta liña, sinalou que a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña configúrase como un escaparate para todas aquelas persoas interesadas neste eido, xa que a cita conta cunha ampla variedade no que a venda de gando e maquinaria agrícola se refire.
María José Gómez asegurou que o medio rural “é crucial” para o desenvolvemento da cultura e do territorio galego. Así, lembrou que o Executivo autonómico impulsa diversas ferramentas para poñer de relevo “un dos sectores máis importantes da comunidade”.
Fixo referencia ao fomento da remuda xeracional no agro e a incorporación de novos agricultores, que na última convocatoria permitiu a incorporación de 370 mozos e de 133 novos agricultores, cun investimento 16,8 millóns de euros.
A conselleira salientou a importancia do asociacionismo para o sector primario galego e destacou as achegas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo. O orzamento para estas achegas acaba de incrementarse ata os 2,64 millóns de euros.
Con estas achegas materialízase o compromiso do Goberno autonómico a prol do asociacionismo das explotacións agrarias, para facilitar o seu acceso á produción e a modernización dos procesos inherentes ao sector.





Deja un comentario