A Praza Maior de Lugo converteuse esta tarde no epicentro da vida cultural galega coa inauguración oficial da Feira do Libro de Lugo 2025, unha cita xa imprescindible para a cidade, que se desenvolverá ata o 17 de maio baixo o lema común das feiras deste ano: «Onde florecen os libros».

O acto inaugural contou coa participación institucional de representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Concello de Lugo, así como da Federación de Librarías de Galicia, organizadora do evento. 

A xornada comezou coa actuación musical do CPI Plurilingüe Virxe do Monte de Cospeito, gañador do concurso de podcast «Radio na Biblioteca», e continuou coas intervencións institucionais nas que se destacou o papel das librarías como espazos de resistencia cultural e fomento da lectura.

A presidenta da Agrupación Libreira de Lugo, Cielo Fernández, subliñou que esta feira “é unha festa dos libros e da palabra viva, próxima e necesaria”, e agradeceu o apoio das institucións públicas para facer realidade esta nova edición.

Pechou o acto o pregón de Cecilia F. Santomé, que fixo unha defensa apaixonada da lectura como ferramenta de liberdade e memoria colectiva.

A Feira do Libro de Lugo 2025 contará ao longo de cinco días con 13 casetas de librarías e máis de 30 actividades, entre as que se inclúen presentacións literarias, encontros con autoras e autores de toda Galicia, espectáculos infantís, música e espazos para todos os públicos. A diversidade da programación busca sementar o amor polos libros desde as idades máis temperás ata a idade adulta.

Deja un comentario

Más noticias….