Xerais ten en marcha o proceso de elección das obras gañadoras dos Premios Xerais
2025, unha edición cunha participación de récord. Este ano optan aos premios 121
orixinais. Este é o número de manuscritos recibidos máis alto dos últimos anos. Os
e as integrantes dos tres xurados xa teñen nas súas mans as obras orixinais que
optan a acadar o Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura
Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil. Deste xeito, os xurados declararán
as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará na vindeira semana. Os
finalistas daranse a coñecer na mañá do 19 de maio. Unha semana despois terá lugar
o segundo encontro en que se escollerán as tres obras gañadoras. O veredicto
darase a coñecer a través das redes sociais e dunha nota de prensa que se
difundirá na mañá do 24 de maio.
O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros
e ao que concorren 58 obras, está formado por: Mar Mato (xornalista de Faro de
Vigo), Bárbara Fernández López (correctora editorial e bookstagramer en
@barbibooks), Aurora Prieto Tarrío (bibliotecaria da Biblioteca Pública de Verín),
Ana Viqueira (xornalista en Nós TV), Xosé Antón Pedreira Mirás (libreiro en
libraría Pedreira) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de
Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado
con 10.000 euros e ao que concorren 26 obras, está formado por: Jorge Rodríguez
Durán (escritor), Mencía Jorge Cabaleiro (bookstagramer en @lua_soto7 e
estudante de Filoloxía), Iria Gondar Iglesias (educadora social), Salomé Díaz
Muñiz (profesora de lingua e literatura galega), María Bueno Seguín (xornalista),
e Ramón Domínguez, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais
de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XL edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con
10.000 euros e ao que concorren 47 obras, está formado por: Ánxeles Barja Sierra
(bookstagramer en @lendo_libros), Blanca Millán (ilustradora), Rosa Ana Porto
Martínez (libreira en Librería Porto), Reme Vázquez (bibliotecaria infantil da rede
de bibliotecas municipais da Coruña), Guillerme Rodríguez Osorio (mestre de
Educación Primaria) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación
de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.





Deja un comentario