O investigador Oportunius e coordinador do grupo Advanced Biofab do CICA da Universidade da Coruña, Daniel Nieto, acaba de inaugurar a Unidade de Investigación de Biofabricación DNietolab-NWU na North-West University de Sudáfrica, dentro do Centro de Excelencia para as Ciencias Farmacéuticas.
Esta unidade, que está formada na actualidade por seis estudantes e dous investigadores principais, Lissinda Du Plessis e Chrisna Gouws – ambos os dous expertos de renome en investigación farmacéutica e biomédica-, servirá como laboratorio satélite do grupo creado na Coruña, converténdose nun referente no estudo de tecnoloxías biomédicas no país africano.
Está colaboración, que xorde polo interese de impulsar a transferencia de coñecemento entre os dous grupos de investigación, permitirá fortalecer sinerxías entre ambas as dúas unidades para favorecer o intercambio de estudantes e a transferencia de tecnoloxía e recursos.
Dentro do convenio asinado entre as partes e que terá unha duración mínima de cinco anos, establécense unha serie de condicións para desenvolver esta rede de traballo, entre as que destaca a mobilidade de coñecemento; polo que o grupo de investigación do CICA recibirá cada ano tres estudantes de doutoramento e dous de máster para realizar unha estancia na UDC, así como a realización de publicacións en conxunto.
Daniel Nieto recalca a importancia de complementarse, xa que “mentres na universidade North-West especialízanse no ámbito de ciencia básica, no grupo Advanced Biofab do CICA, dedicámonos á ciencia aplicada”. Unha combinación coa que pretenden que o estudantado que traballe nos dous países poida estar presente durante todo o proceso.
Nas vindeiras semanas incorporaráse ao grupo de Advanced Biofab a graduada en Enxeñaría Biomédica, Kara van zyl, como estudante predoutoral. Esta incorporación ao grupo liderado por Daniel Nieto servirá como nexo de unión entre ambos os laboratorios, co obxectivo de fortalecer a rede e complementar o traballo que se realizará no da Coruña.
A transferencia de tecnoloxía tamén é unha das condicións do funcionamento desta colaboración, para realizar investigacións que logo poidan aplicarse no CICA. Unha das bioimpresoras 3D do grupo Advanced Biofab xa se atopa no laboratorio satélite. Máis adiante, tamén estudan realizar un workshop anual para xuntar os dous equipos. O primeiro realizarase na Coruña ao redor do mes de febreiro.





Deja un comentario