GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular e membro da prestixiosa organización World Design Weeks, inicia este venres, 16 de maio, a súa sexta edición. Até o sábado 24 de maio, #GDW25 reunirá na cidade da Coruña o mellor do deseño galego xunto con referentes internacionais.

Co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caraméns, é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego. Durante nove días ofrecerá unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, parladoiros, exposicións a ceo aberto ou sesións musicais. Todas elas forman parte dunha proposta que pretende poñer en valor un sector profesional e cultural fundamental para o país pola súa relevancia social e empresarial, ademais de abrir o deseño galego ao exterior.

Na súa sexta edición, #GDW25 pon o foco especificamente na relación co tecido creativo coruñés, a quen dedica toda a liña de programación OFF, actividades que se realizarán a partir de mañá, venres 16, de man de diferentes axentes creativos da cidade. A intención non é outra que estender o festival cara o propio sector á vez que visualiza, de cara á veciñanza, o papel dos seus profesionais.

A primeira das citas será USUAL PLACES, unha actividade organizada da man do proxecto coruñés USUAL. Desde as 17.00 e até as 21.00 horas, sucederanse as actividades en seis espazos de barrio vinculados á cultura, a imaxe e ao deseño, como son Austrohúngara, Casa Cecu, Rare Books for Rare People (Restory), The Future Fan Club, Two of Hearts, e Varaston. Estes locais acollerán exposicións, concertos, mercadiños, obraodoiros e proxeccións abertos á cidadanía ao longo da tarde. Ao remate, celebrarase unha quedada xeral no bar La Barra.

Ao día seguinte, o 17 de maio, entre as 12.00 e as 14.00 horas, a liña OFF celebrará ORIXES, un encontro de arte, artesanía e deseño impulsado polas ceramistas Verónica Moar Risco no estudio deste último. A cita contará cunha convidada moi especial, como é a artista sonora Paula Pintos. A entrada é gratuíta, mais como espazo é limitado, recoméndase facer unha reserva previa reserva de praza a través da conta de Instagram de @orixes_encontros.

A programación OFF retomarase o mércores 21 co lanzamento da Burguer GDW ás 20.00 horas en Rosmon, local que acollerá unha exposición de pósters do deseñador gráfico galego Miguel Quiroga. Finalmente, o xoves 22, Malte Atochas será sede de USUAL SUMMIT, unha conversa entre mulleres creadoras sobre a capacidade do deseño como axitador cultural comisariada e moderada por Daniela Arias, responsable de USUAL.

Nesta conversa, que comezará ás 20.00 horas, e que xirará sobre os procesos creativos, as inspiracións ou a difusión dos mesmos, participarán Aldara Pardo e Laura Calvo, do colectivo Lengua de Fuego; Iria do Castelo, responsable de Castelo Studio; Leti Cabana, de Casita Salvaje; Victoria Blanco, de MASGALICIA e Raso Estudio; e Xulia Lago, da Grelería. A entrada será libre ata completar capacidade e poderase gozar, durante a conversa, da Burguer GDW.

Deja un comentario

Más noticias….