A segunda edición do ciclo Folk no Colón inaugurarase este venres coa actuación de Treixadura, a partir das 21.00 horas. As últimas entradas, a partir de 16 euros, están á venda a través de Ataquilla, na praza de Ourense e, este mesmo venres antes do espectáculo, no despacho de billetes do propio Teatro Colón.
A actuación de Treixadura enmárcase tamén dentro da programación municipal para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado neste 2025 ás cantareiras e á literatura oral, que engloban toda a música tradicional galega.
Desde 1990, Treixadura leva aos escenarios un espectáculo único que combina o canto e a gaita e eleva a música tradicional ao máis alto nivel artístico. Fieis á súa esencia, rescataron melodías do anonimato, crearon novas composicións e compartiron a forza evocadora do canto colectivo.
Cunha traxectoria de 8 discos, colaboracións con figuras como Rodrigo Romaní ou Kepa Junkera, Treixadura representa a ponte viva entre a raíz cultural galega e a súa reinterpretación contemporánea. Unha experiencia emocionante que converte o público no verdadeiro protagonista de cada concerto.





Deja un comentario